DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Segundo un estudo realizado por alumnado do campus baixo a coordinación de Ana Belén Fernández Souto

O 24% dos principais concellos de Galicia non contan con gabinete de comunicación propio

Os especialistas en Relacións Públicas seguen sen terse en conta para estes postos de responsabilida

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Investigación
Bea Feijóo DUVI 10/12/2012

Co obxectivo de coñecer de antemán as súas posibilidades laborais no mercado galego, alumnado de Publicidade e Relacións Públicas, baixo a coordinación da profesora Ana Belén Fernández Souto, analizou a presenza de profesionais da comunicación nos principais concellos de Galicia para concluír que case un cuarto non contan con ningún responsable con esta formación. “Que un 24% dos concellos galegos con maior número de habitantes non dispoña dun gabinete de prensa propio parécenos un dato moi alarmante, xa que todos, ata os máis pequenos, organizan e realizan accións comunicativas”, reflexiona Ana Belén Fernández Souto.

No marco da materia de Planificación Estratéxica das Relacións Públicas, os estudantes afondaron no organigrama de profesionais dos 25 concellos galegos con maior peso para comprobar que persoal se ocupa de xestionar os labores de comunicación. Corroboraron que un 76% si dispoñen dun gabinete específico, “incluso hai algúns que diferencian entre responsables de prensa e de comunicación, pero non é habitual”, matiza a profesora, que considera imprescindible a figura dun especialista nun organismo “que todos os días aparece nos medios de comunicación, celebra eventos ou mesmo contrata actividades publicitarias”.

En mans de xornalistas

Por outra banda, este estudo tamén resalta que os gabinetes de comunicación dos concellos analizados están dirixidos por xornalistas, que representan o 63,5% fronte ao 5% dos titulados en Publicidade e Relacións Públicas, “un dato bastante pesimista para o alumnado desta facultade”. De todos xeitos, Ana Belén Fernández Souto aclara que é unha situación ata certo punto normal dentro do sector “xa que a idade media dos responsables de comunicación dos concellos contactados é superior a 40 anos co cal non tiveron a opción de formarse en Galicia na especialidade de Publicidade e Relacións Públicas”. Non obstante, tanto para a profesora como para o alumnado resulta máis preocupante o feito de que persoal non especializado no ámbito da comunicación “senón en dereito, turismo, maxisterio, xeografía ou historia” ostente este tipo de cargos, “algo totalmente ilóxico xa que deberían ser os profesionais das relacións públicas quen liderasen a responsabilidade de realizar a comunicación proactiva que necesitan os concellos neste contexto de crise económica”.

Tanto o profesorado da facultade pontevedresa como o seu alumnado tratan de visualizar e facer consciente á sociedade do valor engadido que pode achegar un titulado ou titulada en Publicidade e Relacións Públicas a unha empresa ou institución. “Non se trata simplemente de establecer relacións cos medios de comunicación, é un cometido que vai máis aló, de forma que os organismos sexan percibidos polos seus públicos como entidades cunha determinada personalidade”, subliña Fernández Souto.

Neste sentido, a docente considera vital continuar co labor de promoción dunha profesión “moi especializada pero moi necesaria nestes tempos de austeridade”. De feito, están planificando para o vindeiro ano desenvolver o mesmo estudo entre as principais empresas da contorna galega “para dar a coñecer aos profesionais de comunicación que xa están traballando a existencia dos nosos estudantes e ao mesmo tempo para comprobar se se dá a mesma tendencia tanto no ámbito público como no privado”.