DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O centro convoca un concurso de micro-películas e outro de fotografía

25 anos de Ciencias Empresariais e Turismo en 60 segundos

Co gallo da celebración das súas vodas de prata, a facultade prepara un gran acto para o vindeiro 8

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 17/03/2011
A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo celebra este ano o seu 25 aniversario. Unha conmemoración importante para a institución no seu conxunto pero tamén para cada unha das persoas que forman ou formaron parte da súa historia. Para convidalos a amosar a súa visión do centro, a facultade vén de convocar os certames de micro-películas A FCETOU en 60" e o seu concurso anual de fotografía e imaxe, Experiencia FCETOU. O resultado: o vindeiro 8 de abril, o día que o campus celebrará o cuarto de século deste centro.

“Quixemos incidir máis no uso das novas tecnoloxías, pois cada vez somos máis dixitais e multimedia, e este ano tan especial para nós, polo que, ademais de convocar o tradicional concurso de fotografía convocamos tamén unha curta de micro-películas” explica Elisa Alén, decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo. O prazo para presentarse a ambos concursos, abertos a todos os interesados, remata o día 3 de abril e cada venres publícanse os traballos recibidos na web: http://fcetou.tumblr.com/.

Os vídeos que se presenten ao concurso A FCETOU en 60" deberán explorar características, valores engadidos e/ou singularidades da facultade e da súa localización no espazo, e ter unha duración non superior a 60 segundos. No blog estarán abertos á votación do público e os seis máis votados serán publicados na canle de YouTube da facultade en calidade de finalistas do concurso. Entre estes seis, un xurado, composto por un representante de Sarabela Teatro e membros da comunidade universitaria, escollerá o mellor traballo. O premio para o gañador ou gañadora será un Ipod que se entregará o día 8 de abril.

No caso do certame de fotografía e imaxe a temática é a vida no centro: a xente, a actividade, o espazo, as interaccións e todo o que aquí acontece/aconteceu e conforma a experiencia da facultade. No blog os interesados poderán votar as imaxes que máis lles gusten e as 20 máis votadas serán publicadas no álbum do Flickr da FCETOU en calidade de finalistas do concurso. Entre estas 20, un xurado, composto polo director da Escola de Arte Antonio Faílde, fotógrafos e membros da comunidade universitaria, escollerá ás dúas mellores. Haberá un primeiro premio dotado cunha cámara dixital e un accésit que será un marco dixital.

A cita: o 8 de abril

Estas iniciativas enmárcanse dentro da celebración do 25 aniversario do centro, que culminará o 8 de abril cun acto de homenaxe ao que están convidados a asistir as diferentes promocións de estudantes e o persoal que durante estes anos contribuíu ao seu desenvolvemento. Durante o acto lembrarase a evolución do centro, homenaxearase aos seus responsables durante os 25 anos e celebrarase unha conferencia. Elisa Alén salienta a boa resposta que está habendo á convocatoria entre o ex alumnado, “sobre todo nos das primeiras xeracións de titulados, que se están movendo moito”, e aínda que mantén o segredo sobre quén vai ser o conferenciante convidado advirte de que será “espectacular”. Para velo e para gozar deste reencontro anima a todos os que formaron parte da historia do centro a inscribirse a través da web da facultade e a achegarse ao campus o vindeiro 8 de abril.