DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O satélite da Universidade será posto en órbita desde Rusia por un foguete Soyuz

25 de decembro de 2018 (02.00 horas): LUME-1 será lanzado ao espazo

Esta semana procederase á súa integración no dispensador en Holanda

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • TIC
  • Investigación
Mª Carmen Echevarría DUVI 14/11/2018

Aínda que a data e a hora definitivas poderían finalmente experimentar algunha variación, a día de hoxe o LUME-1, o cuarto satélite deseñado e desenvolvido pola Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, será posto en órbita o vindeiro 25 de decembro, previsiblemente sobre as 02.00 horas (10.00 horas en Rusia). O cubesat, que forma parte do proxecto FireRS de loita contra os lumes forestais e no que ademais da Universidade de Vigo, participan a Universidade de Porto e o CNRS francés, chegará nas próximas horas a Holanda, onde se procederá á súa integración no sistema dispensador (POD) nas instalacións de ISIS, a empresa gañadora do concurso público realizado para o lanzamento e que se encargará tamén do traslado e integración de LUME-1 no cosmódromo de Vostochny, poucos días antes do seu lanzamento.

“Hai que considerar que o Nadal ruso é en xaneiro. Sería a mesma situación que se se lanzase cun foguete chinés, de feito o día 25 de decembro están planificados dous lanzamentos desde foguetes rusos, o Soyuz, que porá en órbita o LUME-1 e o Protón”, explica Fernando Aguado, docente e investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, en relación co lanzamento nunha data tan sinalada como o 25 de decembro. Tralo lanzamento, que se estima se produza ás 02.00 horas, o primeiro pase do LUME-1, no que desde a Escola de Telecomunicación confirmarán que todo funciona correctamente, produciríase sobre as 10.00 horas do mesmo día de Nadal.

Co lanzamento do satélite, culminará o traballo que durante máis dun ano e medio desenvolveron 17 persoas na Universidade de Vigo: 10 investigadores contratados; seis estudantes e dous profesores en tarefas de coordinación. “Todos os estudantes e investigadores que participan no proxecto FIRE-RS pertencen ás facultades de Enxeñería Industrial, de Telecomunicación e Informática ,que son o núcleo do Agrupación Aeroespacial”, detalla Aguado.

LUME-1, unha evolución dos seus antecesores

Sucesor de Xatcobeo, Humsat e Serpens, LUME-1, asegura o responsable da Agrupación Aeroespacial, é una evolución dos seus antecesores, “compartindo que é un satélite fundamentalmente de comunicacións, pero inclúe moitas melloras tecnolóxicas respecto deles”. O sistema de comunicacións, Totem, está baseado nunha radio definida por software e foi totalmente redeseñado, permitindo operar ao satélite de xeito moito máis eficiente en tres bandas de comunicación diferentes: UHF, S e L coa mesma radio. “A misión fundamental do satélite é dar soporte de comunicacións bi-direccional a sensores de terra que detectan lume, que desenvolve o grupo CIMA da Universidade de Vigo, así como para prover unha conexión cos avións non tripulados, UAVs, desenvolvidos pola Facultade de Enxeñaría da Universidade de Porto”, detalla Fernando Aguado.

Os novos servizos incluídos en LUME-1 permiten, entre outros, a comunicación bidireccional, comunicación a grupo, comunicación directamente entre terminais da mesma zona de cobertura, comunicación segura… Ademais, como misións secundarias, o satélite da Universidade de Vigo incorpora a posibilidade de realizar monitorización do espectro, así como recepción de sinais provenientes de avións (ADSB), así como a de usar Totem coma un laboratorio de probas de comunicacións en voo, ao poder redefinilo totalmente en terra, subir a súa nova configuración desde a estación de terra e “reconstruír” unha nova radio a metade de misión.

Á espera da súa integración en Holanda, LUME-1 completou durante meses un esixente calendario de probas, incluídas as de aceptación de todos os subsistemas, así como a verificación do satélite a nivel de sistema. “ Unha vez comprobado o correcto funcionamento na sala limpa, en agosto realizáronse probas de ambiente espacial no laboratorio holandés de NLR (Netherlands Aerospace Centre), que incluíron probas de termovaleiro e vibración, para comprobar o correcto funcionamento do satélite no espazo, así como unha proba de resistencia coas cargas mecánicas que experimentará durante o lanzamento”, explica o docente e investigador da Universidade de Vigo.

Unha peza fundamental de FireRS, que estaría operativo o vindeiro verán

LUME-1, un satélite cubesat tipo 2U, cunhas dimensións 20 X 10 X 10 e un peso de 2.1 quilogramos, será inxectado nunha órbita helio-sincrona a 490 quilómetros de altura. Unha vez lanzado, na fase LEOP (Launch and Early Operation Phase) realizarase o primeiro contacto para comprobar o estado do satélite, “ser quen de comunicarse correctamente desde a estación terrea, así como comprobar que os parámetros fundamentais son nominais”, explica Fernando Aguado. Na fase de Commisioning, compróbase o correcto funcionamento e configuración de todos os subsistemas que compoñen a plataforma do satélite (potencia, computador de abordo, comunicacións e apuntamento) e verificarase a carga útil do satélite, neste caso Totem. “Unha vez que todo o satélite estea completamente verificado, en dúas ou tres semanas, poderá pasarse á operación nominal, que inclúe dar soporte de comunicacións nos pilotos do proxecto FireRS” detalla o responsable da Agrupación Aeroespacial.

O resto de elementos que compoñen o sistema están neste intre moi avanzados, tanto os UAV de Porto, Centro de Control e simuladores de avance de lume de LAAS (Tolouse), así como os sensores de terra desenvolvidos por CIMA. Ao primeiro  simulacro real do proxecto, co obxectivo de poñer en práctica a nivel procedimental a detección remota temperá dun incendio, que terá lugar o vindeiro venres en Silleda, seguiranlle outras proba piloto ás que se irán incorporando progresivamente todos os elementos que compoñen o sistema, de xeito que “o proxecto rematará a finais de xuño do ano 2019, data na que agardamos ter comprobado o funcionamento integral de solución nos pilotos. Nese intre o consorcio estará en condicións de poñer a solución tecnolóxica a disposición das institucións interesadas, que deberán realizar o despregue efectivo que debería incluír un número axeitado de satélites, sensores de terra e UAV,s para a súa operación real”, avanza Fernando Aguado.