DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Publícase o libro de biografías 'Galegos de Ourense'

25 ourensáns que ben valen unha páxina na historia

Os docentes Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez son os seus coordinadores

Etiquetas
  • Ourense
Rosa Tedín DUVI 10/12/2012

San Rosendo, José Calvo Sotelo, Vicente Risco, José Ángel Valente e así ata 25 son os nomes propios que compoñen a publicación Galegos de Ourense. A obra, editada pola Deputación Provincial de Ourense e coordinada por Jesús de Juana, Julio Prada e Domingo Rodríguez, docentes da Facultade de Historia do campus, nace co obxectivo de achegar ao público xeral a vida e a obra dalgúns dos máis senlleiros ourensáns que tiveron unha importante proxección alén da cidade e da provincia.

Galegos de Ourense foi presentado este luns por Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense; por Jesús de Juana, en representación dos coordinadores do libro, e por Ana Malingre, responsable de Publicacións da Deputación. “A publicación desta obra é unha forma de deixar patente a pegada decisiva de moitos ourensáns na historia e permitirá aos novos ourensáns tomar exemplo deles”, destacou Manuel Baltar durante o acto de presentación. Segundo explicou o presidente da Deputación de Ourense, coa súa edición a institución que preside dá continuidade ao traballo que realizou en 1916, ano no que publicou o libro de Benito Fernández, cronista oficial da cidade, Ourensanos Ilustres, que recollía entón 50 biografías de destacados persoeiros.

Biografías feitas por expertos

Segundo explicou Jesús de Juana, en consonancia con esta liña aberta por Benito Fernández e polo tamén historiador Alberto Vilanova, a Área de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo iniciou en 2005 unha serie de cursos de verán que se repetiron durante catro anos e nos que recoñecidos especialistas afondaron na vida, na obra e no pensamento de ilustres ourensáns. Froito dos seus relatorios naceron as 25 biografías que compoñen a obra presentada este luns e que foron redactadas por expertos como Luis Rodríguez Ennes, Julio Lamelas, Carmen Barbosa, Xosé Ramón Quintana, Claudio Rodríguez, Xosé Ramón Barreiro, Julio Rodríguez e Pablo Sánchez, entre outros autores ademais dos coordinadores do libro.

Ao longo das máis de 500 páxinas que compoñen a obra, ilustrada con fotografías algunhas delas inéditas, unha a unha vaise debullando a traxectoria de cada un dos homenaxeados co obxectivo de revalorizar o seu papel na historia. “Son todos os que están, pero non están todos os que están”, advertiu Jesús de Juana, que salientou a grande cantidade de persoeiros destacados da historia contemporánea que deberían formar parte desta colección pero que por cuestións de priorización e espazo quedaron fóra. En todo caso, a obra, salientou, ofrece unha ampla panorámica que comeza con San Rosendo, no ano 907, e chega ao escritor José Ángel Valente, finado en 2000. Un milenio de historia no que os coordinadores da obra destacaron nomes como o Padre Feijóo, Pedro de Quevedo, Lamas Carvajal, Curros Enríquez, Marcelo Macías, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Eulogio Gómez Franqueira.

Pensando nun segundo tomo

Tal e como explicou Ana Malingre, da obra realizáronse 1000 exemplares que desde hoxe estarán á venda nas librarías. Debido á imposibilidade de que a publicación recollese todas as figuras destacadas da historia de Ourense, o presidente da Deputación destacou na presentación do libro o seu desexo de que o vindeiro Nadal se presente un segundo volume de Galegos de Ourense que poida dar entrada a nomes como Blanco Amor ou o propio Marcos Valcárcel, de quen toma nome o Centro Cultural da Deputación onde se presentou este luns a publicación.