DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Secretaría Xeral para o Deporte e as tres universidades renovarán un convenio

25000 euros para a potenciar e promover a práctica deportiva na Universidade

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Mª del Carmen Echevarría DUVI 28/05/2008

Potenciar os campionatos interuniversitarios, promover a actividade física entre a comunidade universitaria e facilitar ao alumnado a realización de prácticas en programas da Dirección Xeral do Deporte, son os obxectivos que promove o convenio que asinarán as tres universidades galegas e a Consellería de Cultura e Deporte.
A renovación deste acordo contempla este ano como gran novidade un significativo incremento na dotación orzamentaria que pasa dos 240000 aos 75000 euros, creándose ademais unha partida específica nos orzamentos da Xunta que garante a continuidade desta liña de traballo na que non participará a Consellería de Educación que non asinará o convenio.

Implicación institucional

A vicerreitora de Extensión Cultura e Estudantes, Mª del Carmen Cabeza considera “moi positivo o respaldo institucional que a actividade deportiva está a recibir e que agora se ve, se cabe, máis reforzado”. Para Cabeza máis alá da renovación deste acordo a implicación da Secretaría Xeral co deporte universitario está a quedar patente “co seu respaldo á candidatura de Vigo á Universiada do 2013”.
Na presentación do convenio no que tomaron parte ademais da vicerreitora de Extensión Cultural da Universidade de Vigo, os vicerreitores de Cultura das Universidade da Coruña e Santiago de Compostela, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Souto sinalou que “dende a Dirección Xeral consideramos que o deporte en idade escolar non finaliza nos centros de ensino, senón que continúa coa formación universitaria, polo que esta actuación entronca dentro dunha das nosas liñas prioritarias”

10000 deportistas en torno á Universidade

Escolas deportivas, campionatos interunivesitarios ou programas para fomentar a vida saudable a través do práctica deportiva, son algunhas das actividades que ao longo do ano desenvolve o Servizo de Deportes da Universidade nos tres campus. Unha actividade que este ano viuse especialmente reforzada coa celebración dos campionatos universitarios de remo, vela, taekwondo e orientación celebrados en Castrelo de Miño, Vigo, Marín. Vilaboa e Pontevedra.
Unhas 10000 persoas participan anualmente no programa de actividades deportivas programadas polo Servizo de Deportes da Universidade de Vigo entre que as que tamén se atopan Augaventura e Delecer, así como o programa Deporte de Saúde.