DUVI

Diario da Universidade de Vigo

26 entidades sen ánimo de lucro beneficiaranse do material informático en desuso recuperado polo Gruvi

Tratáse de escáneres, impresoras e trinta equipos informáticos

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Romina Vázquez DUVI 13/05/2008

Froito do traballo desenvolvido polos voluntarios que participan no Gruvi, Grupo de Reciclaxe Informático da Universidade, un total de trinta ordenadores obsoletos renovados con tecnoloxía innovadora, ademais de varios escáneres e impresoras, serán entregados a diversas entidades sen ánimo de lucro con sede nas provincias de Ourense e Pontevedra. A Escola de Tempo Libre Xaruma, a Igrexa Episcopal de Cristo, a Asociación Cero Negativa e a ANPA de O Rosal son só algunhas das vinteseis organizacións que se beneficiarán da terceira convocatoria de doazón de material informático en desuso que a Universidade pon en marcha.
Dende que o programa se botou a andar, no curso 2005-2006, “o número de equipos recuperados ten aumentado de xeito significativo, pero seguen sen ser suficientes para satisfacer todas as peticións que recibimos”, tal como apunta Ricardo Rodríguez, técnico da Oficina de Voluntariado e Integración, que engade que “nesta ocasión a cifra de solicitudes presentadas ascendeu a 120, aproximadamente”. Ante esta situación, para outorgar os equipos téñense en conta criterios como o número de beneficiarios, a calidade e o interese social do proxecto presentado.

Equipos recuperados con software libre polo Gruvi

O Grupo de Reciclaxe Informático desenvolve a súa actividade na aula 5 do pavillón C da Facultade de Filoloxía e Tradución, onde se almacenan os equipos que no mes de xuño pasarán ás mans dos seus novos donos. Nese momento, as asociacións de amigos de Linux GALPON e GULO ofrecerán aos beneficiarios unha charla informativa e asesoramento sobre os programas de software libre instalados nos ordenadores para dotalos de sistema operativo, conexión a internet e aplicacións ofimáticas.
Ademais de estimular o espírito solidario dos universitarios, esta campaña, dependente da Vicerreitoría de Extensión Cultural e Estudantes, pretende rachar coa fenda dixital que impide o acceso dos colectivos desfavorecidos ás novas tecnoloxías. Con este obxectivo un grupo de dezaseis voluntarios integrados no Gruvi recolle o material vello dos centros e das oficinas da Universidade para recuperalo e actualizalo.