DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A quinta promoción do grao en Dirección e Xestión Pública celebrou o remate dos seus estudos

26 novos graduados e graduadas que teñen na polivalencia o seu principal valor

Tres dos egresados convértense nos primeiros en obter a dobre titulación polas Universidade de Vigo

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Eduardo Muñiz DUVI 13/06/2014

Despois de catro anos formándose nunha titulación que lles proporcionou coñecementos de ámbitos como o dereito, as ciencias políticas, a xestión pública ou a contabilidade, aos 26 integrantes da quinta promoción do grao en Dirección e Xestión Pública chegoulles este venres o momento de celebrar a súa fin dos estudos e o inicio dunha nova etapa, a da saída ao mundo laboral, no que a súa polivalencia será un factor determinante. Así o destacou neste acto de graduación o decano en funcións da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Celso Cancela, que salientou que “a orientación multidisciplinar destes estudos resulta moi apropiada nestes tempos convulsos”.

As verbas de recoñecemento ao traballo realizado ao longo da súa traxectoria académica, así como a necesidade de que afronten con esperanza a nova etapa que agora se abre ante eles formaron parte da mensaxe común que tanto Cancela como o reitor, Salustiano Mato, e o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, trasladaron aos novos graduados e graduadas no acto celebrado na tarde deste venres en Ciencias Sociais e da Comuncación. “Sodes os donos do voso futuro, así que non vos deixedes levar polo pesimismo”, indicoulles o decano aos novos titulados e tituladas, que nesta xornada estiveron arroupados polos seus familiares e amigos e polos que foron os seus profesores e profesoras. Tamén quixeron acompañar a unha promoción de “persoas polivalentes, que resultan moi interesantes tanto para os empregadores públicos como para os privados”, a secretaria territorial da Delegación da Xunta en Pontevedra, Ana Ortiz, e o delegado en Pontevedra do Colexio Oficial de Xestores Administrativos, José Ramón Carril.

Como un día de “sentimentos encontrados” definiu Cancela esta xornada de recordos e ledicia. Os recordos dunha etapa na que o profesorado tratou “de sementar uns coñecementos que pronto comezarán a xerminar” e a ledicia “por pechar con éxito unha etapa da vosa vida”, apuntou o decano, que animou ao alumnado a mirar ao futuro con “ánimos renovados”, como tamén o fará a propia titulación, xa que “o próximo curso implantarase a modalidade semipresencial, que tantos alumnos e alumnas nos demandaron estes anos”.

Unha titulación que conecta Pontevedra e Sao Paulo

Ademais de contar co profesor Xosé Mahou como padriño académico, esta promoción recibiu tamén un apadriñamento algo singular, o dunha institución. Concretamente o da Universidade de Sao Paulo, que estivo representada polo profesor Alessandro Soares da Silva. Con esta distinción queríase facer un recoñecemento público á liña de colaboración existente entre a institución brasileira e a Universidade de Vigo, posto que entre os 26 novos graduados e graduadas desta promoción figuraban tres estudantes brasileiros que, despois de completar os seus estudos en Pontevedra, veñen de converterse nos primeiros en obter de xeito simultáneo a titulación de Dirección e Xestión Pública da Universidade de Vigo e a de Xestión de Políticas Públicas da Universidade de Sao Paulo.

Por este motivo, o profesor de Psicoloxía Política Alessandro Soares definiu esta xornada como “o peche dun primeiro ciclo”, que ten a súa continuidade asegurada, segundo explicou, posto que outros tres estudantes brasileiros obterán a dobre titulación nos próximos meses e a estes sumaranse outros catro que a partir do mes de setembro continuarán os seus estudos en Pontevedra. “Pero aínda non temos ningún galego en Sao Paulo”, lamentou Soares, que animou o estudantado da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación a dar o salto e pasar un curso académico do outro lado do Atlántico para así obter tamén esa dobre titulación que “agardamos poder estender pronto a outros estudos”.