DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O certame pechouse este domingo no campus de Ourense coa entrega de galardóns

26 premios para os mellores do I Torneo Internacional de Xadrez

A categoría xeral estivo encabezada polo luso Luis Galego

Etiquetas
  • Ourense
  • Deportes
DUVI 14/07/2014

Despois de case unha semana de competición, o I Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense pechou este domingo as súas portas entregando 26 galardóns por un importe total de máis de 6000 euros aos mellores xogadores e xogadoras. Na categoría xeral, os internacionais Luis Galego, Dragan Paunovic e Alejandro Hoffman fixéronse respectivamente co primeiro, segundo e terceiro posto. Coa entrega de trofeos púxose un broche de ouro a unha competición que cumpriu as expectativas de participantes e organización e que agarda volver a repetirse o vindeiro ano.

Un palmarés moi variado

En total, repartiranse 26 premios entre seis categorías. Os galardóns foron entregados por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, nun acto que contou tamén coa participación de Lino Hermida, director do torneo e presidente da Asociación Xadrez Ourense Universitario, organizadora da cita, e de Rodrigo Alberte Pivida, responsable do Servizo de Deportes do campus. "Despois de nove quendas e dunha emocionante última rolda o gañador decidiuno o desempate entre catro xogadores. Foi un desempate que favoreceu ao luso Luis Galego, que se fixo co galardón seguido en segundo lugar polo serbio Dragan Paunovic e en terceiro polo arxentino Alejandro Hoffman”, apuntou Lino Hermida.

O primeiro español clasificado foi Jaime Santos, “que fixo un bo torneo, sacando norma de gran mestre e quedando no cuarto posto da clasificación”, engadiu o responsable do torneo. O mellor ourensán foi Marcos Lorenzo, do Liceo; o campión veterano foi o mestre internacional Daniel Rivera e na categoría sub-2200 gañou Luis Marcos Medarde, seguido de Yaniela Forgas e do ourensán David Gómez. En categoria sub-2000 quedo campión o tamén ourensán José Doval, que fixo un gran torneo, seguido do portugués Dominic Cross e de Manuel Carballo. Por último, na categoría sub-1800 quedou primeiro Miguel Rodríguez, segundo o ourensán Miguel Ferreiro e terceiro José Camilo Rodríguez.

Un balance moi positivo

Con estes galardóns pecháronse sete días de competición no Pavillón de Deportes do campus de Ourense nos que participaron 87 xadrecistas, tanto galegos como foráneos, 78 deles con ranking internacional e 22 deles mestres do xadrez, oito deles grandes mestres procedentes de sete países. Por esta boa resposta e polo bo desenvolvemento da cita, o director do torneo salientou que esta primeira edición foi todo un éxito, no só pola participación senón tamén pola deportividade dos xogadores. Xa pensando na próxima edición, Lino Hermida quixo agradecer de xeito especial a axuda recibida para sacar adiante este I Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense.