DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, reencóntrase cos seus antigos alumnos

260 estudantes pechan cun multitudinario acto de graduación o seu paso pola Universidade

Tamén estiveron presentes o reitor, Alberto Gago, e o decano, José Carlos Yáñez

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Noelia V. Vilanova DUVI 03/07/2009

260 estudantes das titulacións de Ciencias Empresariais, Turismo e Administración e Dirección de Empresas recibiron este venres nun multitudinario acto as bandas e diplomas que os acreditan como novos titulados. Debido á gran afluencia de convidados, máis de 800 persoas, o acto celebrouse no Auditorio Municipal e estivo presidido polo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, que se reencontrou cos seus antigos alumnos; o reitor da Universidade de Vigo, Alberto Gago e o decano da facultade, José Carlos Yáñez.
A vixésima primeira promoción da diplomatura de Ciencias Empresariais, a novena da licenciatura en Administración e Dirección de Empresas e a cuarta de Turismo viviron, acompañados de familiares, amigos e autoridades, un momento cheo de alegría e risos, pero tamén de certa tristura por unha etapa que remata.
Yáñez felicitou aos estudantes por poder “mirar ao recente pasado con orgullo, coa condición de ter acadado unha meta que vos ten que encher de satisfacción e que, á par, traeravos novas responsabilidades”. O decano destacou que con este acto “queremos recoñecer a consideración que merece a vosa actitude intelectual, a vosa vontade firme de enfrontarvos ás dificultades e superalas, e a vosa capacidade de perseverar”.
Pola súa banda, o conselleiro de Educación, que confesou sentirse na súa casa, afirmou que “hoxe é un día moi importante para vos, pero tamén para min, xa que esta é a última promoción á que eu lle din clases”. Vázquez tamén apuntou que “esta facultade non sempre foi como é hoxe”, neste punto fixo referencia aos novos cambios que chegarán co Espazo Europeo de Educación Superior e “aos dous graos e tres másteres cos que contará o centro”. O ex decano da facultade e actual conselleiro tivo tamén un momento para recordar a “algúns dos compañeiros que hoxe non están aquí”, tampouco se esqueceu do persoal de administración e servizos e “das pequenas anécdotas entre compañeiros”.
Tras a entrega dos diplomas e medallas de honra que recibiron os representantes dos alumnos: Diana Busto, por Turismo; Juan Delfín Conde, por Ciencias Empresariais, e Rebeca De La Rosa por Administración e Dirección de Empresas, o reitor foi o encargado de pechar a primeira parte do acto. Na súa intervención, Gago realizou un exercicio de autoafirmación, destacando o labor da facultade, “un centro que se consolida a pasos axigantados e que conta co apoio das autoridades educativas, non tedes nada que envexar respecto á formación de calquera outro titulado español”. Gago tamén apuntou que a titulación de Ciencias Empresariais e Turismo “ten un elevado prestixio social, o que vos garante demanda de emprego e boa perspectiva de promoción empresarial, sentídevos preparados para ser referentes sociais”.
No transcurso do acto rexistrouse unha protesta dun grupo de estudantes da licenciatura de Física que portaban dúas pancartas nas que demandaban a continuidade da titulación.

Consellos e claves para o futuro

Tanto Yáñez, como Vázquez e Gago ofreceron aos estudantes consellos para afrontar o futuro que lles agarda. O decano sinaloulles que é preciso que “non esquezades que a formación adquirida nesta etapa caducará, por iso, mantede ao día os vosos coñecementos”. Yáñez rematou o seu discurso cun desexo para os estudantes “que teñades unha longa vida e que gocedes dela con moita alegría”.
O conselleiro pola súa banda, dedicou tres consellos aos estudantes: “nunca deixedes de prepararvos, sede éticos no futuro traballo que desempeñedes e tede sempre presente que tivestes a mellor facultade e uns docentes excepcionais”.
O reitor, que tamén lles desexou moita sorte aos recentes graduados, salientou que o seu éxito social depende de dúas claves, ademais da formación, “a capacidade de decisión para asumir responsabilidades e a mobilidade para facer realidade as ganas de comer o mundo”.

Os protagonistas da tarde

Tras a primeira parte do acto graduación, de carácter máis institucional, chegou o momento dos estudantes. Neste segundo bloque do evento, eles foron os protagonistas: vídeos, imaxes e discursos, da man dos representantes de cada titulación, recordaron os momentos vividos ao longo destes anos. Acompañados polos seus padriños académicos, Pablo De Carlos, de Turismo; Coloma Viúdez ,de Ciencias Empresariais e Alberto Vaquero, de Administración e Dirección de Empresas, e polos padriños externos Emilio Cuíñas, xerente do Plan de Dinamización do Produto Turístico do Concello de Ourense, e José Toribio, presidente de Skygazelle Aviación Executiva e Xestión Aeronáutica, os estudantes de cada titulación subiron ao escenario para recoller os diplomas e as bandas que supoñen o remate dunha etapa estudantil e o comezo da súa vida profesional.