DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Ourense acolle as 'VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco'

27 expertos para unha análise rigorosa e sen temor do franquismo

Neste evento afondarase na orixe, evolución e final deste período histórico

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 04/04/2011
O alumnado universitario de hoxe en día xa naceu maioritariamente en democracia. Para eles, o réxime de Franco é un período histórico que viviron os seus país e avós e ao que aínda hai que achegarse con tino polas feridas que poden estar sen pechar. Para contribuír a que as novas xeracións coñezan este pasado recente da historia de España e para abordar dun xeito rigoroso a súa análise, a Facultade de Dereito de Ourense e a Asociación Galega de Estudios Xurídicos organizan as VIII Xornadas sociedade e dereito. Historia e memoria do réxime de Franco. Durante 7 días, arredor de 27 expertos de diferentes disciplinas intentarán botar luz sobre catro décadas de ditadura.

Durante a inauguración este luns das xornadas, o decano da Facultade de Dereito, Miguel Ángel Michinel, facía fincapé na importancia da participación do alumnado nesta iniciativa, tanto na súa organización como asistindo a elas, xa que, salientou, son unha xeración que “xa naceu en democracia” e non coñeceu de primeira man esa etapa. Para afondar nela, disporán de dúas semanas de xornadas, unhas xornadas que Emilio Atrio, presidente do Consello Social da Universidade, cualificou como “de gran transcendencia por abranguer unha época da historia de España tan concreta e relevante”.

José Luis Baltar, presidente da Deputación de Ourense, quixo destacar pola súa banda que é “unha valentía acometer unha análise rigorosa desta época, pola que, por diferentes motivos, pasamos con sixilo”. Baltar animou aos relatores a fuxir dos estereotipos e a abordar un estudo en profundidade desta época pois “coñecer o pasado axuda a construír o futuro” e agora, advertiu, “temos o suficiente nivel de madurez para abordar esta cuestión”. A estas palabras María Lameiras, vicerreitora do campus, quixo engadir que é importante que se coñeza a historia para entender que “a democracia é algo que temos que coidar e traballar para conseguir que siga medrando”.

Feminismo, autarquía e outros temas

As VIII Xornadas sociedade e dereito, que se celebran os días 4, 6, 8, 11, 13, 14 e 15 de abril, reunirán a destacados especialistas en dereito, historia, política e cultura para reflexionar sobre a orixe, evolución e final do réxime franquista. Segundo salienta José Agustín González-Ares, o seu director, a elección desta temática débese a que “aínda que afastado no tempo, este período da historia do noso país está moi presente na memoria colectiva e as súas consecuencias teñen decote influencia sobre a actualidade”.

Ares explica que aínda que pasaron xa 72 anos do inicio do réxime franquista e 36 anos desde o seu fin, sen embargo, quedan moitos aspectos por coñecer e investigar desta época decisiva da historia de España. “Agora xa podemos tratar o tema sen temor a remover feridas. As xeracións máis novas empezan a reclamar un maior coñecemento sobre este pasado” advirte. Dado o interese que suscita esta temática, as intervencións, especialmente dirixidas a estudantes, posgraduados e profesionais interesados, tamén están abertas ao público en xeral, co obxectivo de contribuír a enriquecer a oferta académica e cultural ourensá.

As conferencias comezaron este luns abordando cuestións como as democracias orgánicas, a Lei de Expropiación Forzosa de 1954 e a memoria visual do franquismo. Foron as primeiras dun amplo programa que abranguerá cuestións como a situación da muller neste período, a autarquía, os cárceres, a represión franquista en Galicia, o urbanismo, a creación de partidos, a Lei de Prensa e Imprenta, o papel da monarquía, a modernización administrativa e os tribunais de excepción. Para falar destas cuestións estarán destacados expertos como os catedráticos Luis Rodríguez, Roberto L. Blanco, Ana María Tobío, Jaime Cabeza, a directora xeral de Igualdade, Laura Seara, o fundador de Esquerda Unida Manuel Peña, e o decano do Colexio de Avogados de Ourense, Arturo González, entre outros.