DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Forman parte dun curso intensivo financiado pola Unión Europea

27 mozas e mozos de toda Europa achéganse en Vigo ao idioma e cultura galega

Son estudantes que participan no programa Erasmus nos sete campus do SUG

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 06/09/2011
27 mozas e mozos chegados de toda Europa participan en Vigo dende esta semana e ata o vindeiro día 30 nun curso intensivo de galego para Erasmus, unha actividade que encherá de contidos as súas axendas ata o vindeiro día 30 de setembro, data na que xa se incorporarán ás clases nos seus respectivos campus. Ata entón dedicarán as mañás aos contidos máis puramente académicos (gramática, oralidade, sociolingüística…) e o resto do día a actividades máis lúdicas nas que se inclúen dende visitas guiadas a lugares tan representativos como as Illas Cíes ou Santiago de Compostela ata rutas de sendeirismo ou mesmo un obradoiro de cociña galega no restaurante do Museo de Mar de Galicia.

No curso, que conta co apoio dun grupo de recoñecidos especialistas nas distintas materias, participan estudantes que elixiron Galicia para realizar as súas estancias Erasmus, ben sexa na Universidade de Vigo, na da Coruña ou en Santiago de Compostela. En canto ás súas procedencias o abano é amplo: 10 de Alemaña, 5 de Polonia, 4 de Italia, 2 Finlandia, 2 Romanía, 2 Reino Unido, 1 da República Checa e outro de Portugal. “De todas maneiras é probable que se incorporen máis persoas que confirmaron xa a súa asistencia ao curso pero que aínda non chegaron”, especificou a técnica de Relacións Internacionais, Eva Garea, que explicou tamén que en total houbo 46 peticións de asistencia.

Visión panorámica do pobo galego

“Trátase de achegarlles unha visión panorámica da nosa cultura, historia, costumes”, explica o director da Área de Normalización Lingüística, Paulo Cabral, que foi o encargado de darlles a benvida ao campus nun acto ao que tamén asistiron o director da Oficina de Relacións Internacionais, Anselmo Seoane, e as mestras que impartirán o curso. “A Universidade de Vigo leva xa varios anos organizando cursos de extensión cultural para estranxeiros polo que aproveitamos a experiencia acumulada e a colaboración do voluntariado”, engadiu.

Nunha presentación cargada de contido visual, “pois hai que ter en conta que acaban de chegar e é máis doado achegarlles a mensaxe a través de imaxes ”, o director da ANL amosoulles un “mercado no que ofrecemos de todo para que elixades o que máis vos gusta”. Unha ruta de sendeirismo desde o mosteiro do Carboeiro ata a fervenza do ría Toxa, en Silleda; unha visita guiada á zona antiga de Vigo; un relatorio e unha visita nocturna aos petróglifos do Val Miñor... “todo tipo de actividades para que entren en contacto coa nosa lingua e a nosa cultura”, engadiu Cabral, satisfeito de que esta actividade, que se organiza por primeira vez en Vigo, obtivese unha resposta tan positiva entre o alumnado Erasmus.

Gratis grazas ao financiamento da UE

Dirixido a estudantes do programa de intercambio Erasmus que inician o seu período de mobilidade en calquera das universidades de Galicia, e baixo a denominación de EILC, Erasmus Intensive Language Courses, estes cursos, que contan xa con longa tradición en comunidades como País Vasco ou Cataluña, están financiados pola Unión Europea, a través do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos, OAPEE. “Todas as actividades son gratuítas e cada estudante recibe unha bolsa de estudos de arredor de 300 euros”, explican dende a ORI.

“Os EILC son cursos especializados e intensivos das linguas menos difundidas e menos ensinadas dos países e rexións que participan no programa Erasmus”, engade o persoal da Oficina de Relacións Internacionais, ao tempo que especifican que non existen EILC de alemán, español, francés e inglés.