DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Apadriñados polo catedrático da Universidade de Barcelona Antón Costas

27 novos economistas plantan cara á crise e as dificultades do mercado laboral actual

Tamén se celebraron as graduacións dos mestrados da EU de Estudos Empresariais

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 07/06/2012
Teñen ante si dous retos importantes: a crise económica xeral e a súa propia incorporación ao mercado laboral nun contexto xeral de suma dificultade. Pese a todo, esta tarde as caras dos 27 novos graduados en Economía eran de ledicia e satisfacción, pois despois de anos de estudo, por fin son xa verdadeiros profesionais e, para celebralo, contaron cun padriño de excepción, o catedrático de Política Económica da Universidade de Barcelona Antón Costas, vigués de nacemento e analista privilexiado da economía española.

“Aínda que as cousas están mal vós non tendes motivos para non ter ilusión e ambición”, subliñoulles aos recén titulados, ao tempo que os animou a saír a buscar traballo “e non só a buscalo, tamén a crealo”, apuntou animándoos a crear as súas propias iniciativas empresariais, “non vos deben asustar os fracasos, sobre todo ao inicio da vida profesional, fracasar non é un estigma, o estigma é non facer nada”, subliñou nunha intervención na que tamén quixo render unha sentida homenaxe ao seu pai “conserxe durante anos nesta casa, daquela Colexio Universitario de Vigo”.

Cómplices necesarios

Xunto ao profesor Costas acompañounos tamén o vicerreitor de Economía, Xosé Manuel García Vázquez e o decano da facultade, Santiago Gómez Fraiz, así como o decano do Colexio de Economistas de Pontevedra, Xoan Santamaría Conde, que, ademais de retalos a manter “unha actitude permanente de estudo”, lles lembrou que a formación adquirida na facultade é “básica para o acceso á profesión de economistas, tanto no exercicio libre, como consultores ou asesores, como na empresa privada e no sector público”.

Sendo eles os auténticos protagonistas da tarde, Águeda Gonzalez e Luis Abraham Mariscal, que falaron en nome do alumnado, tampouco quixeron esquecerse de todos aqueles que os axudaron neste camiño: familiares, parellas, amigos, docentes... sen os cales non terían sido quen de completar o camiño. “Os tempos son difíciles pero hai que seguir loitando e, sobre todo, facer cousas novas”, subliñou González na súa intervención.

Nestes intres de celebración, “un dos máis significativos da vida universitaria”, a xuízo do decano, Gómez Fraiz lembroulles que para o que poidan precisar no futuro “estamos á vosa disposición”.

Máis graduacións

Este xoves tamén tivo lugar o acto de graduación dos 40 alumnos da 4ª promoción do Máster en Comercio Internacional e os 28 da 1ª promoción do Máster en Dirección de Pemes. O acto que tivo á conselleira de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, Beatriz Mato, como madriña, contou coa participación do alcalde de Vigo, Abel Caballero, a secretaria xeral da Universidade de Vigo, Inmaculada Valeije, o director da Escola, Patricio Sánchez e os coordinadores dos mestrados, Antonio Vaamonde e Pilar López.

Xa mañá venres volverá ser no campus de Vigo unha tarde de encontros e despedidas para os novos titulados en Tradución e Interpretación, Química e Dirección e Administración de Empresas.