DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na exposición ‘Do final e do comezo’, que reúne obras nacidas como traballos de fin de grao

27 tituladas e titulados en Belas Artes proxectan o seu talento no Pazo da Cultura

A mostra contará con visitas guiadas e obradoiros impartidos polo alumnado

Etiquetas
  • Entidades Colaboradoras
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Público externo
  • Pontevedra
  • Arte
  • Cultura
  • Estudantado
  • Estudantes
DUVI Pontevedra 10/01/2024

Como un proxecto que representa “anos de formación, descubrimentos e transformacións” preséntase Do final e do comezo, a exposición que reúne no Pazo de Cultura as creacións que 27 novos titulados e tituladas en Belas Artes desenvolveron como traballos de fin de grao. Promovida polo Concello e a facultade, esta mostra colectiva foi inaugurada na noite deste martes, nun acto no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o decano, Xosé Manuel Buxán, o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez, e a comisaria da mostra, Alexandra R. Rey. 

“Este proxecto amosa o final dun ciclo para abrir portas a novas experiencias, retos e camiños”, recolle o texto de presentación da exposición, que lembra tamén a figura de Juan Carlos Meana, quen impulsou na súa etapa ao fronte do Decanato esta exposición anual. Seleccionados nunha convocatoria aberta aos TFG defendidos o pasado curso, Do final e do comezo busca articular “unha panorámica das múltiples propostas, investigacións e pensamentos que se formaron no contexto da facultade”, reunindo un conxunto de obras que abranguen desde a pintura ou a fotografía ata a instalación ou a escultura. As creacións de 25 novas tituladas e dous titulados integran unha mostra que reflicte unha diversidade de intereses e temáticas, conectadas á súa vez, como sinalou a súa comisaria, polo seu interese de indagar sobre a súa orixe e polo traballo con elementos téxtiles en múltiples tipos de obras.

Tras a inauguración deste martes, na que participaron boas parte das artistas e dos protagonistas, Do final e do comezo poderá contemplarse ata o 11 de febreiro. Coordinada por Vaciocero Servicios Culturales, a exposición completarase con visitas guiadas para o público xeral e para grupos de escolares e por obradoiros impartidos polo alumnado, en ambos casos con inscrición a través do servizo Apúntate do Concello.