DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O 2º proxecto de visibilización de artistas chega a Belas Artes

"A diversidade de linguaxes, os estilos e as técnicas dan constancia da riqueza artística das muller

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Cristina Rodríguez e Franciso Prieto DUVI 05/04/2013

O proxecto de promoción de talento posto en marcha pola Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo recala este venres en Pontevedra logo de ser amosado na Biblioteca do Campus de Ourense dende novembro de 2012. A exposición, composta por seis obras realizadas por alumnas de Belas Artes que acaban de rematar os seus estudos, localízase na cristaleira da entrada da facultade, un lugar que responde á busca dunha maior visibilidade.
A inauguración,á que asistiron representantes da Universidade, así como as comisarias do proxecto Mar Caldas e Almudena Fernández, trata de amosar a capacidade das artistas femininas e o seu pulo por abrirse camiño nun mundo aínda dominado maioritariamente polo sector masculino. Tendo en conta que aproximadamente o 70% do alumnado da facultade son mulleres e que no ámbito profesional só chegan ao 15 %, está, tal como subliñaron no acto, máis que xustificada a loita pola representación das mulleres no mundo profesional.

Buscando repercusión internacional

Os obxectivos principais desta iniciativa son dar visibilidade a obras de alumnas da facultade e contribuír a que se favoreza a súa profesionalización. Atendendo a eses obxectivos, enviáronse catálogos das obras a centros de arte nacionais e estranxeiros coa fin de difundir o proxecto alén do eido universitario. É por iso que nesta edición engadiuse unha tradución da mostra ao inglés, buscando a repercusión internacional.

Por outra banda, realizouse unha edición de postais que reproducen as obras das 26 artistas participantes neste proxecto. As postais distribuíronse en diferentes espazos da Universidade de Vigo para seren levadas de balde por calquera persoa. Esta acción tivo unha boa resposta dado que o alumnado sentíuse realmente interesados polas obras, levando canda si algún exemplar das mesmas.

3ª edición do proxecto

Coa boa acollida que está a amosar esta iniciativa, ás organizadoras gustaríalles levar a cabo unha terceira edición, cunha vertente máis profesional, na cal agardan contar coa colaboración de museos de grande relevancia a nivel galego como poden ser o Museo de Arte Comtemporáneo de Santiago ou o Marco de Vigo.

Segundo as opinións dalgunhas das participantes, a experiencia foi moi gratificante e por iso non dubidan en animar a outras alumnas a participar na vindeira edición.