DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O director da ESA confirma o lanzamento do foguete Vega desde a Güaiana francesa

3, 2,1,0... XaTcobeo despega o 9 de febreiro

O picosatélite desenvolvido pola Universidade de Vigo xa está integrado na cabeza da lanzadeira

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
Mª del Carmen Echevarría DUVI 10/01/2012
Aínda que podería retrasarse “porque todo é novo”, o 9 de febreiro é a data fixada polo director xeral da Axencia Espacial Europea (ESA) Jean –Jacques Dordain para o lanzamento inaugural do foguete Vega que leva no seu interior o XaTcobeo, o primeiro CubeSat 1U de unha institución académica europea construído con estándares da Axencia Espacial Europea que a Universidade de Vigo desenvolveu coa colaboración co Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA) do Ministerio de Defensa. Na comparecencia pública celebrada en París na que Dordain presentou o calendario de lanzamentos que a ESA desenvolverá ao longo de 2012, o director xeral da Axencia Espacial Europea referiuse ao 9 de febreiro como “a data obxectivo” para o voo inaugural de Vega que levará no seu interior nove satélites e picosatélites de seis países europeos, aínda que tamén advertiu da posibilidade de que se poida producir un retraso no lanzamento porque “todo é novo”, puntualizou.

Desde finais do pasado mes de decembro o XaTcobeo xa está integrado na cabeza da lanzadeira Vega que sairá ao espazo desde o Centro Espacial Europeo da Güaina francesa. Despois de marchar do campus de Vigo a mediados do mes de outubro o picosatélite viaxou ao Centro Europeo de Investigación e Tecnoloxía Espacial en Noordwijk (Holanda), onde superou as derradeiras probas ás que foi sometido. Unha vez no Centro Espacial Europeo, ao igual que os restantes satélites que viaxarán a bordo de Vega, o XaTcobeo foi novamente testado e integrado na lanzadeira cuxa estrutura está rematando de ser montada estes día coa colocación da cabeza do foguete na que se sitúa a carga útil. O lanzamento de Vega é en este 2012 un dos retos máis importantes da ESA segundo apuntou o seu director xeral que tamén destacou a necesidade de “investir no espazo para asegurarse un futuro e reforzar o papel de Europa no mundo” a través dun sector que “representa actividades industriais que non se deslocalizan fóra do territorio da UE”.

XaTcobeo en acción

Dous son experimentos que XaTcobeo porá en órbita durante a súa vida útil que se estima non sexa inferior a tres meses. Por unha banda unha radio-software, denominada SRAD, reconfigurable en voo, que permitirá cambiar todo o esquema de comunicacións entre o satélite e as estacións de seguimento en terra sen necesidade de modificar fisicamente o satélite. Por outra banda, o picosatélite incorpora un medidor de radiación, denominado RDS, que aproveitará a órbita do XaTcobeo para realizar medicións de como a radiación dos aneis de Van Allen afectan á electrónica embarcada. Co picosatélite tamén se espera poder realizar a validación dun novo mecanismo de despregue de paneis solares, sendo esta a primeira vez que se van despregar paneis nun satélite de tan reducidas dimensións.

Cun custo de 1.200.000 euros XaTcobeo naceu cunha clara compoñente educativa ano 2007 cando a ESA puxo en marcha un proceso encamiñado a seleccionar un grupo de CubeSats europeos para a súa posterior inclusión, sen custo, no voo inaugural da lanzadeira Vega. Liderados polo enxeñeiro Fernando Aguado, cinco grupos de investigación da Universidade, tres da EE de Telecomunicación, dous da EE Industrial e un da ESE Informática, conforman o equipo que desde o ano 2008 traballa no primeiro picosatélite que construído con estándares da Axencia Espacial Europea unha universidade europea poñerá en órbita en menos de un mes.