DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade ten asinados acordos de colaboración con máis de 1000 entidades

3 de cada 4 titulados no curso 09/10 fixeron prácticas en empresas

Reitor e presidente da patronal fan fincapé na importancia de enraizar a mocidade no tecido socioeco

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 21/06/2011

No curso 2009/2010, 2.425 estudantes da Universidade realizaron prácticas preprofesionais nas máis de 1000 empresas coas que a Universidade de Vigo ten asinado convenios “o que supón que 3 de cada 4 titulados tiveron a oportunidade de facer prácticas e o noso obxectivo é conseguir que esta cifra acade o 100%”, subliñou o reitor Salustiano Mato na presentación de resultados de prácticas en empresas, un acto para o que se desprazou ata as instalacións da empresa BorgWarner Emissions Systems, corporación que colabora coa Universidade na incorporación do alumnado ao mercado traballo dende 1996 “e que nos pareceu un bo exemplo da colaboración, que cada vez é mais estreita, entre a Universidade e o mundo empresarial”.

Acompañado polo presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, José Manuel Fernández Alvariño, e polo director de Enxeñaría Avanzada da empresa, Álvaro Sánchez Ragnarsson, ex-alumno da Universidade, o reitor destacou o feito de que na actualidade o número de empresas e institucións coas que a Universidade ten asinado acordos de colaboración académica supera xa as 1000, “o que supón que máis de 1000 empresas están colaborando coa Universidade no eido das prácticas preprofesionais”.

Destas 1000 empresas, algo máis da metade están localizadas na provincia de Pontevedra “concretamente o 33% pertencen a Vigo e á súa área metropolitana”; arredor do 10% están en Ourense; un 20% na Coruña e arredor dun 14% a fóra de Galicia. “Falamos de que para que estas prácticas sexan compatibles teñen que ser no tecido socioeconómico próximo, por iso practicamente todas son aquí, pero polo perfil altamente especializado de distintas titulacións estámonos expandindo por toda Galicia e tamén fóra”, subliñou o reitor.

Fomento das feiras de emprego

Tanto dende a patronal como dende a Universidade fíxose fincapé en que ningunha empresa, “nin de aquí nin de fóra” vai investir nin enraizarse no noso territorio se non ten capital humano ao que acudir. Neste senso, José Manuel Fernández Alvariño, destacou o forte investimento que a sociedade está facendo na xuventude “de aí a importancia de que vos enraicedes no noso tecido socioeconómico, xa que sodes o noso principal activo”, subliñou, ao tempo que destacou o “coñecemento espectacular” da contorna viguesa no sector da automoción “un Know how que nos fai moito máis fortes con respecto a outros sistemas”. Ao tempo, recalcou a importancia do convenio asinado este mesmo ano coa Universidade, un acordo que, segundo o presidente dos empresarios, “fará medrar esta cifra de 1000 empresas das que falou o reitor, axudará no camiño da internacionalización ás nosas empresas e abre a posibilidade de que estudantes estranxeiros fagan cursos nas nosas empresas”.

Especial importancia tamén se lle deu ao fomento de actividades como o Foro Tecnolóxico de Emprego, feiras nas que se produce unha primeira toma de contacto entre estudantado e empresariado. “Son ferramentas nas que imos insistir”, subliñou o reitor, quen tamén mencionou o Plan de Emprego da Universidade, como un mecanismo fundamental para seguir mellorando neste camiño.

BorgWarner : berce de emprego para o alumnado vigués

Fabricante de compoñentes para a industria da automoción, BorgWarner Emissións Systems Spain conta na actualidade con arredor de 500 empregados, entre eles 50 enxeñeiros “dos que aproximadamente o 70% son exalumnos da Escola de Enxeñaría Industrial que chegaron aquí facendo prácticas”, subliñou Álvaro Sánchez. Son a maioría pero non os únicos, xa que na empresa se deu tamén cabida a perfís máis administrativos, nos que se inclúen dende exalumnos de Ciencias Xurídicas e do Traballo ata outros de Ciencias Económicas e Empresariais. “Ademais temos levado a cabo diferentes proxectos de colaboración conxuntos co Departamento de Enxeñaría Mecánica, Máquinas e Motores Térmicos e Fluídos”, engadiu Sánchez.

Como exemplos desta constante colaboración tamén participaron no acto outros dous exalumnos, Yago González, que tras un período como bolseiro conseguiu xa un contrato, e Adrián Folqueira “que agardo tamén poder quedarme e pasar a formar parte da empresa”, subliñou. Ambos fixeron fincapé no “difícil que está chegar ao mercado laboral” e salientaron a importancia “de contar con empresas que che dean esta oportunidade e que dende o principio te fagan sentir que contan contigo”, subliñou Folqueira, ao que o seu compañeiro engadiu que “dende o primeiro día as prácticas foron unha experiencia moi enriquecedora”.