DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Celebraranse en Porto os días 28 e 29 deste mes de novembro

30 deportistas representarán á UVigo nos Xogos Galaico Durienses

Competirán nas catro modalidades previstas: fútbol 7, tenis de mesa, bádminton e xadrez

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Ourense
  • Pontevedra
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
DUVI 15/11/2023

Os vindeiros 28 e 29 de novembro a cidade de Porto acollerá a trixésimo cuarta edición dos Xogos Galaico Durienses, nos que participarán as tres universidades galegas (Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña) e as tres do norte de Portugal (Trás-os-Montes e Alto Douro, Minho e Porto). Nesta competición, a Universidade de Vigo estará representada por 30 deportistas que buscarán a vitoria nas catro modalidades previstas: fútbol 7, tenis de mesa, bádminton e xadrez. Nesta cita estarán acompañados por tres técnicos da Área de Benestar, Saúde e Deporte.

Esta competición, que cada ano organiza unhas das universidades da eurorrexión, está destinada tanto ao alumando como ao persoal docente e investigador e ao persoal de administración e servizos e ten, ademais do carácter deportivo, a finalidade de estreitar lazos e fomentar a relación entre as seis comunidades universitarias. Como explican dende a Área de Benestar, Saúde e Deporte, “o importante nos Xogos Galaico Durienses é a vivencia entre as tres universidades galegas e as tres do norte de Portugal” máis aló dos resultados deportivos, aínda que de cara a esta nova edición os equipos de bádminton e fútbol da UVigo “apuntan a obter bos resultados”.

Con esta nova edición os Xogos Galaico Durienses regresan á normalidade, xa que tras o parón por mor da pandemia de covid-19, non se retomara a competición, de xeito que última competición celebrouse en 2019 en Santiago de Compostela. Nesta última cita, na que o triunfo xeral fora para a Universidade de Porto, a UVigo conseguira un segundo posto en atletismo.