DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Serán quince días de formación intensiva subvencionados pola UE

30 estudantes de seis universidades europeas especialízanse en Vigo en tradución xurídica

O programa iniciouse este luns coa intervención do maxistrado da Audiencia Provincial Julio Picatost

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
D. Besadío DUVI 24/01/2011
Serán quince días de inmersión xurídica e lingüística. Chegaron esta fin de semana a Vigo e hoxe introducíronse de cheo nun programa intensivo sobre procedementos xudiciais e tradución. Son 30 estudantes chegados de Francia, Alemaña, Chequia, Romanía e Letonia e tamén de aquí de Vigo que, tras un proceso de selección nos seus respectivos países, acadaron praza para participar nun elitista programa financiado pola Unión Europea que ten como principal obxectivo fomentar a ensinanza multinacional sobre temas moi especializados e que inciden nos aspectos comparativos de funcionamento da UE.

Acompañados dun equipo de especialistas compostos por 12 profesores, estes mozos e mozas, entre os que se inclúen tanto estudantes de Tradución e Interpretación como Dereito, iniciaron esta mañá o programa de formación cunha lección práctica sobre o sistema penal e civil español de man do maxistrado da Audiencia Provincial Julio Picatoste, profesor asociado da Universidade de Vigo. Tribunal Supremo, tribunais superiores, audiencias provinciais, xulgados de primeira instancia e xulgados de paz foron a súa primeira toma de contacto co sistema xudicial español.

Lorient, Magdebourg e agora Vigo

O encontro, coordinado polas profesoras Iolanda Galanes e Susana Cruces, desenvolverase maioritariamente na Facultade de Filoloxía e Tradución, se ben ao longo de dúas semanas haberá desprazamentos a diferentes puntos da xeografía galega, tal como lembrou na inauguración a decana do centro, Rosa Pérez, que estivo acompañada polo director do Departamento de Tradución, Luis Alonso Bacigalupe, e o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, que lembrou a importancia “deste tipo de actividades nunha universidade fortemente comprometida con outras culturas e realidades”, ao tempo que remarcou a valía de seguir traballando na constitución de redes de profesionais “que son claves para axudar ao desenvolvemento do progreso de Europa”.

Tras dúas edición previas, unha en Lorient e a outra en Magdebourg, o programa chega agora a súa terceira e última edición, “se ben volveremos participar na próxima convocatoria do IP”, explicou Iolanda Galanes, que fixo fincapé en que nesta próxima convocatoria haberá máis parceiros, confirmando xa Oporto. “Seguirémonos centrando na visión comparada das xurisdicións pero aplicada a outras cuestións, como poderían ser os dereitos de estranxeiría”, remarcou a outra coordinadora, Susana Cruces.

Interpretación para tribunais

Melissa Tanios, Nina Keschew, Karolin Petersen, Janina Foelsch e Juliane Walter son as cinco estudantes seleccionadas para participar no IP da Universidade de Ciencias Aplicadas de Magdebourg en Alemaña. Entusiasmadas por poder participar nesta actividade, subliñan que, en certa maneira, son alumnas avantaxadas, xa que cursan “unha titulación única en Europa” en referencia ao título Interpretación para tribunais, unha formación de carácter moi especifico “que polo de agora só se está a impartir como titulación na nosa Universidade”, explica nun perfecto castelán Juliane, que admite levar estudando español arredor de nove anos.

Entre as cousas que máis lle sorprenderon ao chegar, non teñen dúbida e todas coinciden: o galego. “Sabiamos que aquí había un idioma propio, pero gustounos moito escoitalo”, subliñou Janina, que especifica que “se entende moi ben”.

IP tamén en contabilidade

A Universidade conta nestes intres con dous Programas Intensivos en marcha, este na área de Tradución e outro na de Contabilidade, ambos coa Universidade de Bretagne Sud con que mantén unha estreita relación de colaboración.