DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade celebra o martes 28 no Teatro Principal a 26 edición deste evento

30 exemplos de esforzo e superación serán recoñecidos na Gala do Deporte

O xogador de balonmán David Chapela será distinguido neste acto como deportista universitario do ano

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Eduardo Muñiz DUVI 23/11/2017

Unha noite de celebración, na que “poñer en valor os logros dos nosos deportistas e tamén abrirnos á sociedade, recoñecendo a aquelas persoas, entidades e asociacións que ao longo do ano tiveron unha traxectoria destacable tanto no ámbito deportivo como na difusión dos seus valores”. Este é obxectivo central, como sinala Gustavo Loureiro, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte da Universidade no campus, da Gala do Deporte da Universidade de Vigo, que o vindeiro martes 28 celebrará no Teatro Principal de Pontevedra a súa edición número 26 e na que serán recoñecidos os logros deportivos e a traxectoria dun total de 30 persoas e colectivos.

Nun acto presentado pola xornalista Marga Pazos, e no que a tenista Lourdes Domínguez exercerá como madriña, a institución académica recoñecerá a David Chapela, xogador do Balonmán Cangas de Liga Asobal, internacional nas categorías inferiores da selección española, coa que foi campión de Europa, e estudante da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, coa mención ao deportista universitario do ano.

Así mesmo, tamén se fará entrega neste acto dos Premios Excelencia Deportiva 2015-2016, cos que a Universidade recoñece a aquelas alumnas e alumnos que destacan tanto pola súa excelencia deportiva como académica. Estes recoñecementos serán outorgados aos taekwondistas Lia de Araújo e Alejandro Losada; a loitadora Lydia Pérez, o atleta Adrián Pérez Souto, e os integrantes do equipo de esgrima Natalia Rodríguez e Ignacio Francisco Pastor.

Balance dos éxitos nos Campionatos de España Universitarios

Tamén serán recoñecidos nesta XXVI Gala do Deporte os 13 deportistas que, representando á Universidade de Vigo, lograron subirse o pasado curso aos podios dos Campionatos de España Universitarios. Entre eles, os integrantes do equipo de loitas olímpicas Noelia Lalín, Pablo García e Lydia Pérez, que acadaron dúas medallas de ouro e unha da prata; e os membros do equipo de atletismo Adrián Pérez Souto, Leticia Fernnández, Sergio Paredes e José Antonio Palomanes, gañadores de dous ouros, unha prata e un bronce, respectivamente. O bronce acadado nos CEU polo nadador Marc Ciurana, as cinco pratas logradas polos taekwondistas Alejandro Losada, Lía de Araújo, Beatriz Parada e Iván García, xunto ao bronce logrado por Pablo Fernández nesta mesma disciplina, completan a relación de premiados neste apartado, no que tamén se recoñecerá o éxito de dous dos equipos cos que Vigo competiu nos CEU. Concretamente do equipo de taekwondo e o feminino de loitas olímpicas que remataron en terceiro e primeiro lugar na clasificación colectiva dos seus torneos.

Premios á constancia e á implicación

A gala servirá tamén para pór de relevo o labor que a Asociación Juan XXIII desenvolve con persoas con discapacidade co VI Premio Valor Solidario; e o exemplo de superación do triatleta Manuel Cruces, co Premio Vida. Xunto a eles, a Área de Benestar, Saúde e Deporte recoñecerá á Ximnástica de Pontevedra co premio ao deporte base, ao profesor da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte José Luis García Soidán coa mención ao persoal propio e á xogadora do Mecalia Guardés, actual campión de liga de balonmán feminino, a internacional Estela Doiro, coa mención á egresada.

Así mesmo, a relación de premiados neste evento, que contará coa actuación musical do coro do campus e coa performance de Pablo Méndez, complétase cos recoñecementos ao deporte federado, que irán a parar ao club Universidade de Vigo-Escola de Xadrez Pontevedra, tras proclamarse campión da Liga Galega de Xadrez, ao xadrecista Manuel Pena e ao deportista da sección de orientación e estudadante da EE de Telecomunicación Brais Piñeiro.