DUVI

Diario da Universidade de Vigo

CCSS e da Comunicación acolle a exposición '40 Anos de Acción Humanitaria Independente'

30 fotografías recollen o espírito de entrega de ‘Médicos Sin Fronteras’

O profesorado tamén incluirá nas súas clases a proxección de varios documentais sobre a organización

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Bea Feijóo DUVI 28/03/2012

A organización Médicos Sin Fronteras, MSF, escolleu á Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación para celebrar o 40 aniversario do seu nacemento. Este mércores o centro acolleu a inauguración da exposición 40 Anos de Acción Humanitaria Independente que repasa a historia deste organismo así como os principios que guiaron o seu traballo durante as últimas décadas. Esta mostra, que se poderá visitar ata o vindeiro 12 de abril, exemplifica o nivel de compromiso da Universidade de Vigo coas organizacións non gobernamentais da súa contorna “sentíndonos orgullosos e satisfeitos de que queiran contar con nós”, sinalou o decano da facultade Juan Corbacho, presente na inauguración.

MSF decidiu solicitar a colaboración da Vicerreitoría do campus de Pontevedra co obxectivo de dar a coñecer a súa actividade entre o alumnado universitario. Tal como apuntou o decano, “temos a sorte de contar con mozos e mozas que amosan moito interese polas accións solidarias das ONGs, tanto que participan activamente con elas, como na Operación Kilo de hai menos dun mes na que recadaron máis dunha tonelada de comida para o Banco de Alimentos”. Ademais da exposición, a facultade tamén acollerá un ciclo de documentais sobre a organización “que será incorporado ao contido das clases das tres titulacións impartidas neste centro para acadar un coñecemento máis profundo do labor solidario de MSF”, apuntou Corbacho. Así, profesorado e alumnado coñecerán da man de cooperantes da organización o seu día a día “e abrirase un coloquio posterior para que manifesten todas as súas inquedanzas”, engadiu Cruz García, cooperante de MSF.

30 fotografías para 40 anos de traballo

A exposición conmemora o 40 aniversario da organización, “pero lamentablemente temos que celebrar pouco, xa que a crise deste momento lembra moito ás primeiras emerxencias nas que a organización interveu”, explicou García. A exposición consta de 30 fotografías que recorren a historia de MSF a través dalgúns dos principais contextos en que interveu nas últimas catro décadas, prestando asistencia a poboacións en situación precaria e vítimas de conflitos armados, desprazamentos forzados, enfermidades endémicas e epidémicas, catástrofes naturais, violencia social e exclusión da atención sanitaria, nos cinco continentes.

Durante a inauguración, a cooperante de MSF manifestou que “a axuda humanitaria independente é hoxe máis necesaria que nunca”, sen embargo denunciou que a intervención humanitaria viuse reducida cada vez máis “pola complexidade de negociar a presenza dos equipos e preservar a seguridade dos proxectos en ámbitos volátiles”.

A cooperante García quixo dedicar unhas palabras de agradecemento a todos os seus compañeiros e compañeiras de misión e tamén a todas as persoas socias de MSF, que en Pontevedra roldan as 700. "Este traballo non tería sido posible sen o apoio da base social de MSF que garante que o 90% dos fondos da organización sexan de orixe privada, e polo tanto que poidamos prestar unha asistencia humanitaria independente, inmediata e allea ás axendas políticas”, concluíu García.