DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da III promoción do Máster en Comercio Internacional

30 novos profesionais que combaterán a crise mirando cara o exterior

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, exerceu de madriña

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 24/06/2011

“Sede moi bos fenicios para que Galicia poida incluírse nos mercados de bonanza europeos”, aconselloulles o reitor, Salustiano Mato, aos 30 novos profesionais da III promoción do Máster en Comercio Internacional, impartido na Escola Universitaria de Estudos Empresariais. O acto de graduación estivo amadriñado pola conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, quen salientou a prioridade da Xunta de consolidar unha “economía aberta” en Galicia, mentres que Patricio Sánchez, director da escola, e Antonio Vaamonde, coordinador do mestrado, quixeron destacar a especialización do centro, “un centro de prestixio no mundo da empresa e da economía”

O reitor dedicou unhas palabras á importancia de formar expertos no eido do comercio exterior “porque agora xa non basta co bo, bonito e barato, hai que buscar algo que marque a diferenza no mercado, que vén da man da innovación e esta non se entende sen internacionalización”. Mato aproveitou o acto de graduación para apelar á colaboración do centro no Campus do Mar “pois buscaremos referencias nos profesionais desta casa para consolidar a internacionalización desta marca de excelencia”. Neste senso tamén recalcou a formación impartida “moi adaptada ao mundo real, cuestión que sempre formou parte do ADN desta escola e que se converteu na filosofía desta Universidade”.

Un presente fascinante e un futuro prometedor

“Mentres que todo se fundía durante o 2010, as exportacións aumentaban un 11,2%”, explicou Antonio Vaamonde para subliñar a importancia da internacionalización para superar a crise económica actual, pois “aquelas empresas que conseguiron lanzar os seus produtos ao exterior foron as que se mantiveron ante a crise e ata medraron”, engadiu. Deste xeito aclaroulles “que tendes un presente fascinante porque o comercio internacional sobrevive ao naufraxio e un futuro prometedor porque a recuperación económica virá do intercambio co exterior”.

Un mestrado que se internacionaliza

Pola súa banda o coordinador do mestrado, Antonio Vaamonde, quixo comentar as novidades que o Máster de Comercio Internacional presenta no novo curso. Apuntou que no 2011-2012 ponse en marcha unha versión non presencial do mestrado, engadindo 10 prazas máis ás 30 da versión presencial, “o que provoca que unha titulación de carácter internacional conte con alumnos e alumnas internacionais, de todo o mundo”. O director da escola, Patricio Sánchez, tamén salientou a oferta académica do centro contando co Grao en Comercio, co Máster de Comercio Internacional e co Máster en Dirección de Pemes que bota a andar no vindeiro curso, “ e que nos converten nun centro singular no ámbito do comercio cun gran potencial para o eido empresarial galego”. Tamén exerceu de anfitrión e presentoulles publicamente ás autoridades presentes aos novos titulados, “convencidos profesionais con ganas de loitar por esta sociedade”.

“Unha Galicia coas portas abertas”

A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, fixo unha breve reflexión sobre a estratexia económica pensada para a comunidade, sustentada en dúas bases, na internacionalización e na captación de recursos externos, “a pedra angular necesaria para lograr o reforzamento do músculo empresarial e industrial do noso territorio”. Comentou ademais que o carácter periférico de Galicia fai necesario “unha política de infraestruturas e unha rede de transporte forte para fomentar a mobilidade e a nosa apertura cara Europa”. Tamén felicitou aos novos egresados, “expoñente da forza da xuventude que persevera e se esforza e que non renuncia a conseguir as metas impostas”.

Tras a imposición das bandas e da entrega de diplomas, da orla e dun pin e tarxeteiro a cada un dos egresados, o acto rematou coa actuación do Coro Universitario, que interpretou o tradicional Gaudeamus Igitur.