DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O Gabinete Psicopedagóxico do campus organizou este venres un curso de lectura rápida

De 300 a 800 palabras por minuto, un salto posible

A técnica consiste en incrementar o uso do hemisferio dereito do cerebro

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 16/11/2012

En termos xerais lemos arredor de 220 palabras por minuto, unha cifra que ascende aproximadamente a 280 no caso de estudantes e persoas que habitualmente traballan con textos. Sen embargo, esta cantidade non é un teito que non se poida superar, é unha cifra froito de hábitos de lectura adquiridos na infancia. Para mellorar esta capacidade e chegar cando menos a 800 palabras por minuto, o Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense organizou este venres un curso de lectura rápida e mapas mentais. A clave, deixar de empregar as cordas vogais.

“O obxectivo deste curso é darlle aos estudantes participantes ferramentas prácticas para ler máis rápido e chegar ás 800 palabras por minuto. Non é unha cuestión de maxia, a base está en conseguir quitarlle protagonismo na lectura ao hemisferio esquerdo, o máis analítico e controlador da linguaxe, e potenciar a súa colaboración co dereito, o máis visual e global”, explica Conchi Cochón, psicopedagoga encargada de impartir a formación e compoñente do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense.

Cando aprendemos a ler de pequenos, subliña a psicopedagoga, facémolo pronunciando letra a letra e palabra a palabra, a través do que se chama a subvogalización . “O problema é o seguinte. Por hábito, os nosos ollos ven as palabras, as cordas vogais móvense, escoitamos a nosa voz interna ou externa pronunciar a palabra e finalmente vemos na nosa mente a imaxe que estamos lendo. Como só podemos pronunciar 400 palabras por minuto a nosa capacidade de lectura finalmente non chega a superar as 300 palabras por minuto”, comenta Conchi Cochón.

Ler coa mente, non cos ollos nin co oído

Para loitar contra esta metodoloxía arraigada na infancia e acadar “ler só coa mente e a través dos ollos" é necesario, destaca a psicopedagoga, desenvolver unha serie de exercicios para acadar que o hemisferio esquerdo lle pida colaboración ao dereito e poder así ler e ver as palabras dun xeito global. As técnicas que se poden empregar para iso son múltiples e os 15 asistentes ao curso puideron pór en práctica algunhas delas, como romper a estrutura habitual de lectura e facelo da dereita á esquerda, co libro ao revés ou lendo e contando números á vez, de modo que o hemisferio esquerdo se “entretén” contando e o dereito pode encargarse entón da lectura visual do texto.

Un exemplo dos resultados da colaboración en lectura entre as dúas partes do cerebro, explica a psicopedagoga, pódese ver nos mensaxes de texto por móbil, onde se eliminan vogais, se escriben palabras seguindo a oralidade ou non se acentúa, por exemplo. Sen embargo, grazas á intervención do hemisferio dereito, a persoa que ve a mensaxe de móbil resultante é capaz de lelo mentalmente e entendelo, aínda que non sexa capaz de vogalizalo e a sucesión lóxica de letras esté rachada.