DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do programa de axudas Universia Fernando Alonso

300 bolsas para fomentar a mobilidade internacional dos estudantes universitarios

O prazo de presentación das solicitudes remata o día 30 de xullo

Etiquetas
  • Vigo
  • Académica
DUVI DUVI 17/07/2008

Co obxectivo de fomentar a mobilidade internacional dos estudantes universitarios, Universia adxudicará 300 bolsas cunha dotación de 3.000 euros cada unha para promover que os alumnos saian ao estranxeiro a cursar parte dos seus estudos noutra universidade.
Grazas a estas bolsas, os estudantes terán a oportunidade de desfrutar, durante o vindeiro curso, dunha estadía mínima de tres meses en calquera universidade estranxeira ampliando a súa formación ao tempo que melloran a súa competencia lingüística noutro idioma. Por outra banda, tamén poden resultar un apoio engadido aos alumnos que teñen pensado participar no programa Erasmus 2008/2009 ao seren compatibles con outros tipos de préstamos.
Estas axudas, que pertencen ao programa de bolsas Universia Fernando Alonso, creáronse ao abeiro do patrocinio que a rede universitaria leva facendo ao equipo Renault de Fórmula 1 durante a temporada 2008. Ademais, no marco do mesmo programa, a rede Universia xa entregou outras 100 para realizar prácticas profesionais no Banco Santander.

Un traballo sobre seguridade viaria

O único requisito para que os universitarios poidan optar a unha das bolsas Universia Fernando Alonso é o de realizar un traballo sobre seguridade viaria e relacionalo co ámbito dalgunha das titulacións oficiais. Así, os alumnos deberán desenrolar un estudo ou análise, xa sexa dende o punto de vista da enxeñaría, as ciencias ou as humanidades sobre un tema como a utilización do casco, o uso do cinto de seguridade, o estado e revisión do automóbil ou os elementos que poden distraer ao condutor, por exemplo.

No portal Universia pódese obter máis información sobre as bases do programa, así como algúns exemplos sobre como realizar os traballos.