DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro sábado 28 de novembro na Serra do Galiñeiro

300 corredores de toda Galicia participarán no VIII Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación

Proba puntuable para a Liga Galega desta disciplina

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
S. Alcázar DUVI 24/11/2009

Un compás, un mapa e unha boa dose de aventura serán as ferramentas dos participantes no VIII Trofeo Universidade de Vigo na derradeira proba da XVIII Liga Galega de Carreiras de Orientación organizada polo Club Universidade de Vigo, a Asociación Galega de Clubs de Orientación e o Club Deportivo Lupalu. A cita será o vindeiro sábado 28 de novembro na Serra do Galiñeiro, un lugar moi espectacular cunhas boas vistas para gozar da mañá facendo deporte en contacto coa natureza. Trátase dunha disciplina na que é imprescindible unha boa intuición e un bo coñecemento do medio no que se desenvolve, aplicando diversas técnicas de localización para situarse no terreo, ao tempo que se realiza unha actividade física de maior ou menor intensidade segundo quen a practique.

Un deporte aberto a todos con moitos afeccionados

Jose Luis Armada, responsable do equipo de orientación da Universidade de Vigo, describiu a disciplina como "universal", posto que non se precisan habilidades especiais para a práctica deste deporte, tan so é necesario saber interpretar as instrucións do mapa e o compás, aínda que tamén destacou a relevancia na destreza da orientación. “O ser humano sabe orientarse, pero para que a capacidade de adaptación e interpretación sexa cada vez máis rápida, é importante un adestramento” argumentou Armada. “A medida que un vai subindo de nivel aumenta dificultade, polo que é necesario unha maior capacidade física” engadiu. De todos modos non é imprescindible ser un profesional do atletismo para participar, xa que “o obxectivo desta proba é correr, facer deporte e pasalo ben” destacou Armada.
A Liga Galega de Carreiras de Orientación conta cun gran número de participantes, agás o ano pasado, cando o contía minguou por mor da meteoroloxía. Nesta ocasión agárdase que se acheguen ao monte de Vincios cerca de 300 corredores de toda Galicia, tanto profesionais como afeccionados, dos que aproximadamente un 80% forman parte dos 13 clubs de orientación da comunidade galega, entre o que se atopa o equipo da Universidade, formado por estudantes e persoal, así como outros membros da Comunidade Universitaria.

Percorridos e categorías

Un total de sete itinerarios establecidos segundo o nivel de dificultade, distancia e desnivel conforman este Trofeo Universidade de Vigo, sendo o primeiro o máis sinxelo e o sétimo dirixido a deportistas de elite.
Tamén hai un percorrido exclusivo para os amantes da bicicleta de montaña, aínda que non conta coa catalogación oficial nesta Liga, posto que xa ten a súa propia disciplina de orientación. Segundo Luis Armada “trátase dun percorrido de exhibición para cubrir a demanda dos clubs de ciclismo”. Existen diversas categorías segundo a destreza e a idade dos participantes, que pode comprender dende os 12 anos ata maiores de 45, divididos por grupos. Para os non federados destacan a categoría de iniciación curta ou infantil, reservada aos cativos e a categoría de adultos, que require un mellor coñecemento da disciplina, posto que é un percorrido máis longo aínda que sen moita dificultade. Tamén é posible participar no percorrido oficial sen estar federado, sen puntuar na competición. Nas categorías superiores sitúanse os corredores con máis experiencia nesta disciplina, como é o caso de Carla Veiga, participante da categoría damas elite do equipo da Universidade que acumula numerosos podios noutras ligas e acadou o quinto posto na mesma proba o ano pasado, mentres que na categoría de homes elite Jose Luis Armada ten as esperanzas postas en Jose Mª Álvarez. “Temos moitas esperanzas en que Jose Mª aspire ao podio” afirmou o adestrador.

Desenvolvemento da proba

A carreira comezará ás 9.30 horas da mañá coa entrega de cartóns aos participantes. A saída está programada para unha hora despois e iniciarán o percorrido portando un mapa elaborado por Valentín Vladimirov segundo as normas IOF, no que se especifican as diferentes liñas do itinerario a través de símbolos que describen a ruta e nos que aparecen marcados os controis de paso obrigatorio e os diversos accidentes naturais que poidan atoparse no camiño, polo que é unha ferramenta indispensable para os corredores xunto co compás, sen poder empregar ningún outro instrumento de medición. O peche da meta será ás 14.00 horas, onde será obrigatorio presentarse en caso de abandono. No transcurso da carreira os competidores deben respectar o medio ambiente e ofrecer axuda a calquera compañeiro lesionado. Todos os asistentes recibirán bocadillos, froita e bebidas isotónicas por parte da organización como premio á súa participación, mentres que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán cadanseu trofeo.

Inscrición e cotas

Tanto federados coma non federados están convidados a participar nesta proba, aberta a calquera que se sinta atraído a contactar coa disciplina da orientación. “Todo o mundo pode participar, non hai límite de idade nin por riba nin por abaixo” recalcou Armada. A data límite de inscrición é o mércores 25 de novembro ás 17.00 horas, polo que os interesados deben cubrir o formulario oficial Agaco e envialo ao enderezo electrónico joseluisarmada@yahoo.es. Para os federados, a contía é de tres euros, mentres que os que non o están pagarán sete euros se participan no percorrido oficial, catro euros en na categoría de iniciación curta e cinco na de iniciación longa. Para a formalización da inscrición é indispensable o ingreso bancario na conta de Caixanova 2080 0000 77 0040244532 antes da data e hora límite, amais de axuntar o recibo orixinal escaneado.
Toda a información sobre este Trofeo Universidade de Vigo pode consultarse no Servizo de Deportes.