DUVI

Diario da Universidade de Vigo

O vindeiro sábado 8 de maio no IX Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación

300 corredores de toda Galicia porán a proba a súa orientación na Serra do Galiñeiro

Segundo estima o responsable do equipo de orientación da Universidade, Jose Luis Armada

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Sara Alcázar DUVI 21/04/2010

Máis de 300 corredores de toda Galicia e tamén de Asturias, León e Portugal se estima que se acheguen o vindeiro 8 de maio á Serra do Galiñeiro para participar no IX Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación, unha proba enmarcada na XIX Liga Galega de Carreiras de Orientación organizada polo Club Universidade de Vigo, a Asociación Galega de Clubs de Orientación e o Club Deportivo Lupalu. As expectativas de participación son “bastante boas”, segundo indicou o responsable do equipo de orientación da Universidade, Jose Luis Armada, que está seguro de superar os 287 corredores inscritos na pasada edición. “A proba desenvólvese nunha tempada na que gozamos de bo tempo, o que contribuirá a que participen preto de 320 persoas, tanto de Galicia como de fóra, superando nunha gran porcentaxe a asistencia da proba anterior” apuntou Armada.
Un total de sete itinerarios establecidos segundo o nivel de dificultade, distancia e desnivel conforman este Trofeo Universidade de Vigo, sendo o primeiro o máis sinxelo e o sétimo dirixido a deportistas de elite. Estes percorridos rexístranse nun mapa elaborado pola organización, no que levan traballando preto de un mes para ter todo a punto para a proba. “A actualización do plano é moi necesaria posto que ao tratarse dun medio vivo, é importante revisalo cada ano” explica Armada.
Alicia Pérez Alonso, Adrián Pérez Alonso e Jorge Solla Novegil son os integrantes do equipo da Universidade nos que o responsable do equipo de orientación ten postas as súas esperanzas para poder clasificarse nos primeiros postos da proba. “Creo que as cousas irán ben porque son xente con experiencia, especialmente Alicia Pérez, que leva correndo con nós cinco tempadas. Novegil é o atleta máis novel que temos e imos ver como responde, pero temos moitas esperanzas” afirmou Armada. Estas promesas da orientación tamén representarán ao equipo vigués no Campionato Galego Universitario que terá lugar o vindeiro 1 de maio na Coruña e do 12 ao 14 de maio daranse cita en Teruel para asistir ao Campionato de España Universitario.

Desenvolvemento da proba, inscrición e cotas

A proba iniciarase ás 9.30 horas da mañá coa entrega de cartóns aos participantes, mentres que a competición desenvolverase entre as 10.00 e as 14.00 horas. Todos os asistentes recibirán bocadillos, froita e bebidas isotónicas por parte da organización como premio á súa participación, mentres que os tres primeiros clasificados de cada categoría recibirán cadanseu trofeo.
Tanto federados coma non federados están convidados a participar nesta proba, aberta a calquera que se sinta atraído a contactar coa disciplina da orientación. A data límite de inscrición é o mércores 5 de maio ás 22.00 horas, polo que os interesados deben cubrir o formulario oficial Agaco e envialo ao enderezo electrónico joseluisarmada@yahoo.es. Para os federados, a contía é de tres euros, mentres que os que non o están pagarán sete euros se participan no percorrido oficial, catro euros na categoría de iniciación curta e cinco na de iniciación longa. Os estudantes da Universidade de Vigo poderán participar de forma gratuíta adiantando cinco euros que lle serán aboados o día da proba, mentres que o custo para os usuarios da tarxeta SportIdent será de tres euros máis 32 de fianza, que será reintegrada no momento de devolución da tarxeta. Para a formalización da inscrición é indispensable o ingreso bancario na conta de Caixanova 2080 0000 77 0040244532 antes da data e hora límite, amais de axuntar o recibo orixinal escanado. Toda a información sobre o IX Trofeo Universidade de Vigo de Carreiras de Orientación pode consultarse no Servizo de Deportes.

Fomento da disciplina cunha proba de iniciación

A orientación é unha disciplina en auxe entre os universitarios, que se amosan moi interesados en saber algo máis sobre este deporte. Por este motivo, e co obxectivo de fomentar a práctica da orientación entre os non iniciados, o Servizo de Deportes da Universidade convida á comunidade universitaria a participar o vindeiro 29 de abril na I Proba de Iniciación ás Carreiras de Orientación, na que “estimamos que haxa unha alta participación” indicou Armada. O adestrador do equipo universitario describe a disciplina como "universal", posto que “non se precisan habilidades especiais nin coñecementos previos para a práctica deste deporte” explica. “Ademais, os participantes recibirán unha charla preliminar na que se lles explicarán as directrices básicas, como a interpretación dos planos e o uso do compás”. A proba desenvolverase nun plano deseñado no campus e a participación será gratuíta. O prazo de inscrición remata unha hora antes do comezo da proba, que se iniciará ás 13.00 horas na aula do edificio do Servizo de Deportes. A matrícula pode formalizarse no teléfono 986812182 ou no enderezo electrónico deportes@uvigo.es.