DUVI

Diario da Universidade de Vigo

300 deportistas disputan no campus as fases interzonais dos campionatos de España

Nas modalidades de baloncesto feminino e fútbol 11 masculino

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
M. Del Río DUVI 31/03/2009

Máis de 300 deportistas de toda España danse cita ao longo desta semana no campus de Vigo coa disputa das fases interzonais dos campionatos nacionais universitarios de baloncesto feminino e fútbol 11 masculino. O campus acolle ata o vindeiro día 3 de abril nas súas instalacións deportivas estas competicións, que darán a clasificación para as Finais dos Campionatos de España Universitarios destas dúas modalidades. Non é esta a primeira experiencia da Universidade na organización destas fases, xa que o ano pasado foi a sede da fase interzonal de balonmán feminino.
O pavillón universitario acolle os encontros de baloncesto feminino nos que se enfrontan, xunto co equipo da Universidade de Vigo, o de Estremadura, Castela e León, Pompeu Fabra, Illas Baleares, As Palmas, Navarra e Castela A Mancha. Esta fase interzonal organízase en dous grupos de catro equipos a modo de liga a unha volta e clasificándose o primeiro de cada grupo para a final. Deste xeito, cada día xóganse dous encontros de cada grupo, un pola mañá e outro pola tarde, disputándose e a final o venres ás 10.00 horas entre os primeiros clasificados.
No campionato interzonal de fútbol masculino a competición desenvolverase do mesmo xeito e nela participarán os representantes das universidades de Vigo, UCAM de Murcia, Castela A Mancha, Zaragoza, País Vasco, Madrid e Illa Baleares. Neste caso, os partidos xogaranse no campo de herba sintética do campus vigués e a final será tamén o venres ás 10.00 horas.

Primeiros encontros e resultados

Os vigueses foron os encargados, como anfitrións, de abrir a primeira xornada nas dúas modalidades. As mozas do equipo de baloncesto “impuxéronse ao Universidade de Estremadura por 75-64, mentres que os rapaces se estrearon ante o UCAM de Murcia en fútbol 11, empatando 2-2 e perdendo finalmente nos penaltis”, segundo explica Eduardo Rodríguez, técnico do Servizo de Deportes e coordinador da organización das probas.
No baloncesto, o Universidade de Vigo ten unha boa oportunidade para clasificarse para o Campionato de España Universitario, xa que parte como un dos favoritos, aínda que no caso do equipo de fútbol, os rapaces tamén contan con series posibilidades “a pesar do empate inicial, xa que se suma un punto”.
Todos os encontros será dirixidos por equipos arbitrais de categoría nacional e pertencentes ao Comité Territorial de Baloncesto e Fútbol da Federación Galega.