DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Xogáronse o pase aos Campionatos Galegos de sete modalidades de equipo

300 deportistas universitarios xóganse no torneo Intercampus unha praza nos campionatos galegos

Etiquetas
  • Vigo
  • Deportes
Anabel Vila DUVI 02/02/2011
Coa vista posta na clasificación para os Campionatos Galegos Universitarios 300 deportistas da Universidade participan estes días no torneo Intercampus que se está a celebrar en Vigo. Baloncesto, balonmán, voleibol, fútbol, fútbol sala e fútbol 7 son as modalidades nas que compiten os 24 equipos que participan nesta cita, que ten como premio representar á institución os días 9 e 10 de febreiro nos autonómicos que se celebrarán en Ourense.

Por iso o pavillón vigués vístese de gala para acoller, durante toda a xornada do mércores e do xoves, partidos de baloncesto, balonmán, voleibol e fútbol sala, este último en categoría masculina e feminina. O público, a maior parte alumnos, aínda que tamén se deixou caer por alí algún profesor, achegouse ás gradas dende primeira hora para animar aos seus compañeiros que xogaban nalgunha das pistas acondicionadas no parqué universitario. Ademais, a distribución dos partidos permitía aos afeccionados estar atentos a dous encontros á vez.

“Está saíndo todo moi ben”, asegura Eduardo Rodríguez, técnico do Servizo de Deportes. “Os encontros están sendo dirixidos por árbitros federados e a xente está respondendo”, explica Rodríguez, que salienta ademais o apoio que os afeccionados están mostrando aos distintos equipos. De feito, e acompañados polo bo tempo, houbo seguidores que apostaron por saír a animar ás xogadoras de fútbol 7 nos seus encontros, que se disputaron ao aire libre.

O mércores a xornada está dedicada ao baloncesto e ao voleibol masculino e ao fútbol 7 feminino, mentres que o xoves os deportes que celebrarán as súas finais son balonmán é fútbol 11 masculino e fútbol sala nas dúas categorías. Ao remate de cada xornada o vicerreitor de Extensión Universitaria, Xosé Henrique Costas, e o director da Área de Deportes, Miguel Ángel Nombela, farán entrega dos premios aos gañadores en cada modalidade, que serán, ademais, os que representen á institución na cita autonómica. Pola súa banda, nas categorías nas que non houbo competición a Universidade valorará o nomeamento dun seleccionador que elabore un equipo co que inscribirse no Campionato Galego.