DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No marco do XVIII congreso da AEPDA celebrado esta fin de semana

300 docentes analizan en Vigo a situación do dereito administrativo na era da intelixencia artificial

Procedentes de universidades de toda España

Etiquetas
  • Estudantes
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Congresos e xornadas
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/01/2024

Arredor de 300 profesores e profesoras de dereito administrativo de universidades de toda España reuníronse esta fin de semana en Vigo no marco da XVIII edición do Congreso da AEPDA, a Asociación Española de Profesores de Derecho Administrativo. Este encontro, organizado neste 2024 pola Universidade de Vigo, centrouse en explorar “como a intelixencia artificial afecta á toma de decisións administrativas e como se proxecta sobre os dereitos e liberdades da cidadanía nas súas relacións coas administracións públicas e tamén co sector privado, “dado que os poderes públicos deben garantir aos particulares o goce efectivo da súa liberdade”, como sinalan dende a organización. Ademais, outros temas centrais da xuntanza foron a análise das posibilidades e riscos e que poden achegar neste contexto as persoas que se dedican academicamente ao mundo do dereito administrativo “para contribuír ao avance das primeiras e á contención dos segundos”.

Á fronte do comité organizador do evento, que arrancou o venres, estiveron a profesora da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, e o profesor da Facultade de Dereito de Ourense, Roberto O. Bustillo. Xunto con eles, encargáronse da organización os docentes  Juan A. Hernández, Mª Antonia Arias e Rafael Fernández Acevedo.

No acto de apertura participou o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o director da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Julián Cerviño; e a presidenta da AEPDA, Concha Barrero, ademais dos membros do comité.

Dúas xornada para afondar no impacto da intelixencia artificial

O congreso artellouse arredor de varias sesións temáticas. A primeira delas centrouse na irrupción da IA no dereito administrativo e nela participaron Alejandro Huergo, da Universidad de Oviedo, e Clara Velasco, da Pompeu Fabra, o primeiro cun relatorio titulado De la digitalización a la IA. Evolución o revolución? e a segunda abordando o marco regulatorio e o papel da Administración.

A segunda sesión centrouse na intelixencia artificial e a toma de decisións administrativas, coa participación de José Luis Bermejo, profesor da Universidad de Zaragoza, que falou sobre a aplicación da IA na actividade formal e informal da Administración, e de Susana de la Sierra, da Universidad de Castilla-La Mancha, cun relatorio sobre o exercicio de potestades mediante IA. A reconfiguración dos dereitos e garantías foi o tema da terceira sesión, da man do profesor da UVigo Juan Antonio Hernández Corchete, que impartiu un relatorio titulado Un nuevo estatuto jurídico de los ciudadanos? e da profesora Matilde Carlón, da Universidad Complutense de Madrid, coa conferencia Hacia otro sistema de controles y garantías. 

Na xornada do sábado celebrouse a asemblea da AEPDA, na que se acordou mudar o nome da entidade a Asociación Española de Profesores y Profesoras de Derecho Administrativo, apostando así por unha linguaxe máis inclusiva e igualitaria. Posteriormente tivo lugar a cuarta sesión de relatorios, centrada na visión de dereito comparado, na que interviñeron Tomás de la Quadra-Salcedo Fernández del Castillo, da Universidad Carlos III; Suzana Tavares da Silva, da Universidad de Coimbra; Alessandro Mantelero, da Universidad Politécnica de Turín e, como moderador, Ricardo Rivero Ortega, reitor da Universidad de Salamanca. O congreso pechouse coa presentación das conclusións, da man de Julián Valero Torrijos, catedrático da Universidad de Murcia.