DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade e Economics for Energy colaboran na organización deste evento entre o 5 e o 9 de nove

300 expertos en cambio climático procedentes de 56 países daranse cita en Vigo nunha xuntanza do IPCC da ONU

Os informes de avaliación destes científicos deron lugar ás negociacións para o Protocolo de Kioto

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 29/10/2012
Preto de 300 expertos de 56 países daranse cita a vindeira semana en Vigo na xuntanza do Grupo Intergubernamental sobre Cambio Climático da ONU, IPCC. En total, entre o 5 e o 9 de novembro, reuniranse 281 autores principais e coordinadores de revisión do grupo III do IPCC, para avanzar na elaboración do próximo informe de avaliación, no que é a súa única xuntanza en Europa. A Universidade de Vigo, a través do grupo REDE e o centro de investigación Economics for Energy colaboran na organización deste evento, que está avalado polo representante español ante o IPCC e a Oficina Española de Cambio Climático do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.

O IPCC é o principal organismo mundial de valoración do cambio climático e a súa principal tarefa é a elaboración cada seis ou sete anos dun informe de avaliación con base nas investigacións científicas, técnicas e socioeconómicas desenvolvidas por milleiros de expertos de todo o mundo sobre o cambio climático. Nestes informes, rigorosamente elaborados e revisados de forma independente por científicos organizados en grupos de traballo, analízanse as causas e efectos do cambio climático e as posibles medidas de resposta. Ademais dos principais expertos internacionais nesta materia, tamén participan no IPCC os gobernos de 195 países, dada a importancia das conclusións dos informes para a definición de políticas e a negociación internacional neste eido. Na cita da vindeira semana reuniranse os membros do grupo III do IPCC, encargado de avaliar opcións para mitigar o cambio climático mediante a limitación dos gases de efecto invernadoiro emitidos dende sectores como a enerxía, transporte, construción, industria ou agricultura, ente outros.

Única xuntanza en Europa

Esta reunión será a terceira e penúltima do actual ciclo, despois das de Corea do Sur en xullo de 2011 e Nova Celandia en marzo deste ano, e será a única que se celebre en Europa. A sede da Fundación Barrié e o Centro Social Novacaixagalicia de Vigo serán as dúas sedes que acollerán o evento, xa que a envergadura do acontecemento require o uso de múltiples salas de traballo para as xuntanzas simultáneas dos diferentes grupos. Durante os dous días anteriores a este encontro celebrarase unha reunión previa de expertos que tratará sobre escenarios futuros de cambio climático.

O referente científico para as políticas sobre cambio climático

O IPCC ten a súa orixe no ano 1988, como iniciativa da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM) e o Programa de Nacións Unidas sobre Medioambiente (PNUMA), que lle encomendaron avaliar a información científica, técnica e socioeconómica dispoñible a nivel global acerca o cambio climático, sobre unha base comprensible, obxectiva, aberta e transparente.

Os informes de avaliación do IPCC teñen unha gran relevancia e constitúen o referente científico para a toma de decisións no proceso de negociación da Convención Marco das Nacións Unidas sobre Cambio Climático. Estes documentos teñen base científica contrastada e, se ben son politicamente relevantes, non teñen carácter prescriptivo.

O IPCC ten realizado ata a actualidade catro Informes de avaliación. O primeiro, en 1990, tivo un papel decisivo na creación da Convención Marco de Nacións Unidas sobre Cambio Climático. O segundo, de 1995, proporcionou información científica clave para a adopción do Protocolo de Kioto en 1997. O terceiro, publicado en 2001, insistiu na necesidade dun novo protocolo para integrar os países que representan o maior nivel de emisións e non están presentes en Kioto. O cuarto, de 2007, amosa evidencias suficientes para afirmar que o quentamento do sistema climático é inequívoco e establece como causa probable as actividades humanas. Trala publicación deste último informe, o IPCC recibiu o Premio Nobel da Paz. O quinto informe, no que os expertos levan traballando dende 2009, e no que se avanzará nesta xuntanza viguesa, será presentado en 2014.