DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No XXVIII Congreso da Asociación Española de Lingüística Aplicada, AESLA

300 lingüistas de 50 universidades debaten en Vigo os últimos avances da disciplina

O reitor reivindica na inauguración o importante papel das humanidades na sociedade actual

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
D. Besadío DUVI 15/04/2010

Atlas lingüísticos, tradutores automáticos, estudos sociolingüísticos sobre linguas minorizadas... son só algúns exemplos dos resultados que acadan no día a día do seu traballo os chamados “lingüistas aplicados”, expertos da lingua que teñen como tarefa principal dar pistas á sociedade sobre as múltiples utilidades prácticas que pode ter a sintaxe. Co obxectivo de pórse ao día sobre as últimas investigacións neste campo dende hoxe e ata o vindeiro sábado reúnense en Vigo máis de 300 expertos procedentes de 50 universidades españolas, europeas, americanas e asiáticas no XXVIII Congreso da Asociación Española de Lingüística Aplicada, AESLA.
Organizado polo grupo de investigación LVTC (Language Variation Textual Categorisation) do Departamento de Filoloxía Inglesa, Francesa e Alemá da Universidade, o congreso conta con 10 paneis temáticos no que se exporán traballos sobre tradución, ensinanza e aprendizaxe de linguas, psicolingüística, análise do discurso... “vaise facer un fondo repaso a todo o que se está a facer e para iso contamos coa participación de primeiras figuras mundiais neste campo”, salientou o profesor Javier Pérez Guerra, investigador do LVTC e coordinador do comité organizador.
Entre estas figuras que estes días van participar no congreso Pérez Guerra destacou a presenza en Vigo de Sylviane Granger, da Universidade Católica de Lovaina en Bélxica, que foi a encargada de impartir a conferencia inaugural. A ela o coordinador engadiu outros nomes: Ruslan Mitkov, “un número un da lingüística computacional” ou Pilar García Mayo, autora de numerosos estudos sobre adquisición de linguas en contextos bilingües e trilingües, “unha intervención especialmente interesante nun caso coma o galego no que o debate lingüístico está na rúa”, apuntou Pérez Guerra.

O inglés como ferramenta de traballo

Como lema do congreso elixiuse Analizar datos, describir variacións, unha frase coa que, a xuízo do coordinador, “se resume perfectamente o traballo que estamos a levar a cabo dende a Universidade”, indicou Guerra.
Na actualidade forman parte do grupo case vinte investigadores que estudan a lingua inglesa e a súa evolución. Nestes días exporán no congreso parte dos traballos que están a levar a cabo, tanto en temas de tradución automática coma de análise do discurso oral, o que inclúe dende análise de actas de xuízos do século XV para analizar o tipo de lingua que se empregaba na época ata o estudo dos actuais discursos políticos que empregan os candidatos á presidencia do goberno aos diferentes países anglosaxóns.

Un curso cunha “boa colleita” en humanidades

Na inauguración do congreso, á que tamén asistiu o presidente de AESLA, Francisco Ruíz de Mendoza, o reitor retou aos presentes a facer unha investigación que sexa moderna, tecnoloxicamente avanzada e socialmente compremetida, “algo que ata fai moi pouco lle estaba negado ás humanidades”, subliñou.
Alberto Gago aproveitou tamén a ocasión para destacar a boa colleita que as humanidades deixaron este curso para a Universidade, lembrando a celebración do Congreso Ibérico de Tradución, a Asemblea Xeral de Unión de Editoriais Universitarias Españolas e o Congreso Internacional de Literatura Comparada, ao que agora se engade o de AESLA. “Non é un mal balance para unha Universidade como a nosa que ten unha forte presenza dos ámbitos científico e tecnolóxico”, subliñou, ao que engadiu que “se pensamos nun desenvolvemento equilibrado da nosas institucións é importante que as linguas e as humanidades en xeral teñan unha tribuna de prestixio no sistema de ciencia e tecnoloxía”.