DUVI

Logo DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Buscan a clasificación para a fase autonómica, que terá lugar o 4 de maio en Cenlle

300 nenos e nenas participan no campus no Campionato Provincial Escolar de Orientación

Etiquetas
  • Estudantes
  • Medios
  • PAS
  • PDI
  • Vigo
  • Deportes
  • Deportes
M. Del Río DUVI 13/03/2019

É cada vez máis habitual que os campus da Universidade de Vigo acollan competicións deportivas de diferentes modalidades e categorías, abrindo as instalacións universitarias a toda a cidadanía. A última delas reuniu no campus na mañá deste mércores preto de 300 nenos e nenas de oito centros educativos no Campionato Provincial Escolar de Orientación.

Esta proba, pertencente ao programa Xogade da Xunta de Galicia, permite a clasificación para a fase autonómica que se celebrará o vindeiro 4 de maio na localidade ourensá de Cenlle, coincidindo tamén co Campionato Galego Universitario de Orientación. O control da proba correu a cargo do Club Aromon Pontevedra Montañeiros a Roelo, que forma parte da Federación Galega de Orientación, e os seus representantes encargáronse de asegurar que a carreira se desenvolvese en óptimas condicións e de que primase a transmisión de valores como a igualdade, a inclusión e a convivencia. 

Na procura de orientación polo campus

A proba consistiu nunha carreira media en terreo mixto, na modalidade de orientación en liña con saída individual contrarreloxo, na que as persoas participantes tiveron que pasar por todos os controis, cun tempo estimado para as mellor clasificadas de 25 minutos.

A competición, que arrancou con retraso, partiu do Centro Comercial de Cidade Universitaria, onde tomaron a saída en sucesivas quendas nas categorías infantil e cadete os nenos e nenas procedentes do CPI Covaterreña, CPI Mondariz, IES Chapela I, IES de Barro, IES Montecarrasco, IES San Paio, IES Xunqueira II e CPR San José de Cluny. A partir deste punto as e os participantes, mapa en man, percorreron o campus, comezando pola zona da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais para despois ir completando o percorrido que tamén os levou ata a zona próxima ao Edificio de Ciencias Experimentais, a contorna das enxeñarías e a Residencia Universitaria. 

As dez primeiras persoas clasificadas de cada categoría (infantil feminina, infantil masculina, cadete feminina e cadete masculina) clasifícanse para o Campionato Galego Escolar de Orientación.