DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Universidade traballa na formación dos docentes para comezar a impartir titulacións integramente e

3000 persoas pasaron polas aulas do Centro de Linguas en 2012, máis do dobre que hai dous anos

O aumento débese principalmente ao recoñecemento internacional dos seus exames de acreditación

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
M. Del Río DUVI 23/01/2013

O Centro de Linguas da Universidade acadou en 2012 a cifra de 3000 usuarios, o que supón un incremento de máis do dobre respecto ao ano 2010, no que pasaron polas súas aulas 1369 alumnos e alumnas. Segundo indicou o reitor nunha rolda de prensa para facer balance deste servizo, “as cifras confirman que apostamos polo modelo correcto”, en referencia ao plan director posto en marcha para o Centro de Linguas en 2010. Segundo esta folla de ruta, nunha primeira fase tentouse consolidar o centro como unha referencia internacional, algo que para Salustiano Mato, “está conseguido, a demanda e a satisfacción dos usuarios son a mellor mostra”.

A consolidación do Centro de Linguas como referente débese principalmente a que as súas probas e exames de acreditación acadaron o recoñecemento internacional sento válidos en todas as universidades europeas. “Isto fixo que aumentase a demanda, tanto de membros da comunidade universitaria e da contorna, como de estudantes estranxeiros que acreditan aquí os seus coñecementos de español”, como indica o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias.

Acreditación internacional

O Centro de Linguas da Universidade é examinador oficial do DELE (Diploma de Español como como Linguas Estranxeira) do Instituto Cervantes e o IELTS (International English Language Testing System), así como centro preparador do ESOL Examinations da Universidade de Cambridge. Isto, xunto cos cursos específicos de formación en idiomas que se imparten cuadrimestralmente e no verán convérteno nun referente non só na cidade, senón tamén para outras universidades que non contan con este tipo de acreditacións. O vicerreitor de Relacións Internacionais explicou que este servizo é tamén centro acreditador de niveis como membro acreditado da Asociación de Centros de Lengua de Enseñanza Superior e da European Confederation of Language Centres in Higher Education. Na actualidade no Centro de Linguas pode obterse a acreditación de ACLES de nivel B1 de inglés, alemán, francés e español; nivel B2 de inglés e español e nivel C1 de inglés. Ademais tamén está acreditado polo Instituto Cervantes o curso de Metodoloxía do ensino do español para estranxeiros.

No tocante á docencia de idiomas, durante o ano 2012 impartíronse cursos de alemán, chinés, español para estranxeiros, expresión escrita e expresión oral en español, francés, conversa en francés, francés comercial, inglés, conversa en inglés, pronuncia en inglés, inglés empresarial, italiano, lingua de signos española, portugués, preparación do PET, do First Certificate in English e do CAE, ruso e iniciación ao ensino do español como lingua estranxeira.

O incremento de estudantes, grazas á acreditación

O pasado ano matriculáronse un total de 2892 persoas nas actividades do Centro de Linguas, 2172 delas nos distintos cursos da súa oferta formativa, e 720 nas probas de acreditación que desenvolve, cun incremento do 37% respecto do exercicio 2011 (2172 nos seus cursos, cun incremento do 11%, e 720 nos exames de acreditación, con incremento do 374%). Ademais destes estudantes, o centro atende as demandas de moitos outros colectivos con cursos especificamente deseñados para eles, a través de acordos e convenios dentro e fóra da Universidade de Vigo, con outras entidades públicas e privadas como a Escola Naval Militar de Marín, o Campus do Mar, a ONCE ou o Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

O perfil do estudantado é moi variado. Por unha banda, aqueles que precisan aprender un idioma alleo por diversos motivos, por exemplo a solicitude dunha bolsa de mobilidade. Por outra, os estudantes foráneos que queren cursar español durante a súa estadía, xa que para algúns, como apunta o vicerreitor, “é imprescindible acreditar un nivel B2 dun idioma estranxeiro para obter unha titulación universitaria”, algo que sucede, por exemplo, en Polonia. Ademais, o persoal docente e investigador estase convertendo cada vez máis en usuario do Centro de Linguas, para formarse e para acreditar tamén os seus coñecementos. Entre os cursos de máis crecemento nos últimos anos, destaca o inglés, o alemán e tamén o español.

A internacionalización da docencia, reto de futuro

Os retos de futuro do Centro de Linguas, como explicou o reitor, pasan por unha banda, pola internacionalización da docencia e, por outra, polo achegamento á cidadanía. Para esta último obxectivo a Universidade está en negociacións co Concello de Vigo para poder contar cun local na cidade no que, como adiantou Salustiano Mato, “xa se impartirían cursos este verán, para comezar a docencia de xeito sistemático no vindeiro curso”.

Respecto ao proceso de internacionalización que a Universidade ten como obxectivo estratéxico, o Centro de Linguas xogará un papel fundamental. Tal como anunciou o reitor, a Universidade está a traballar para poder ofrecer titulacións en inglés nos próximos anos. Isto responde a un plan integral de internacionalización lingüística, que inclúe a docencia en inglés como valor engadido. “Contamos co Centro de Linguas para formar aos docentes e investigadores, para que teñan a destreza suficiente para impartir as clases neste idioma”. En opinión de Mato, isto servirá para expandir a institución e atraer tamén alumnado estranxeiro que queira cursar aquí estudos en inglés asentando as bases dun "alicerce firme de internacionalización".