DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A última promoción de licenciados e licenciadas de Comunicación Audiovisual di adeus

31 novos profesionais cun futuro 'de cine'

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijóo DUVI 29/06/2012

A creatividade e o espectáculo non podían faltar na despedida “do que foi o seu fogar durante os últimos catro anos” da última promoción da Licenciatura en Comunicación Audiovisual. O campus de Pontevedra dixo adeus a un total de 38 alumnos e alumnas que organizaron un acto de graduación no que non faltaron a proxección de vídeos recompilatorios e actuacións musicais. Os propios estudantes exerceron de presentadores dunha “auténtica gala” na que cobraron protagonismo o humor, a emotividade e o orgullo dos pais e nais presentes que non dubidaron en acompañar aos seus fillos e fillas na culminación dunha nova etapa.

O acto estivo presidido pola vicerreitora do campus, Antonia Blanco, que felicitou aos novos titulados e tituladas polo “seu esforzo e dedicación” e agradeceulles “ter escollido a Universidade de Vigo como a vosa casa durante estes catro anos para a vosa formación”. Tamén lles desexou moita sorte para a vindeira andaina profesional, igual que o decano da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Juan Manuel Corbacho, que insistiu “en que o futuro está nas vosas mans e non o debedes soñalo senón facelo realidade dende este mesmo instante” . Tamén lles lembrou que clausuraron un capítulo importante da historia do centro “ao ser a derradeira promoción de licenciados e licenciadas desta titulación na Universidade”.

Lembranzas "en formato" audiovisual

Os estudantes desta oitava promoción escolleron como padriño ao profesor Bernardo Correa, que insistiu “en non darlle tanta importancia ao tecnolóxico, porque o fundamental son as ideas” ademais de recomendarlles que se continúen formando. "Espero atoparvos dentro de pouco xa como compañeiros”, concluíu. Tamén contaron cos consellos de Farruco Castromán, socio produtor xunto a Luis Tosar de ZircoZine, nomeado padriño profesional. “Nesta profesión é imprescindible a actitude e aquí nótase unha enerxía tan positiva que dá gusto sentir”, confesou o produtor ao longo do seu discurso.

O alumnado tomou a palabra da man de Silvia Fuentes e de Jorge Vidal que interviron en representación de todos os seus compañeiros. As lembranzas tiveron “formato audiovisual” coa proxección de vídeos dos mellores traballos e momentos da carreira, ademais da proxección dunha parodia do concurso Pasapalabra, que provocou máis dunha gargallada entre o público.

Na celebración tampouco faltou a música, a cargo do grupo vigués de pop-rock Overhear, que amenizou o encontro que rematou coa entoación do Gaudeamus Igitur tras a entrega de diplomas polas autoridades académicas presentes.