DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A profesora de Belas Artes Ana Soler propón mirar a través da auga na Cidade da Cultura

3500 pingas coas que reflexionar sobre un elemento imprescindible

A súa intervención ‘Flywaterbags. A sight into the water’, exhíbese nas Torres Hejduk ata o 31 de ag

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Eduardo Muñiz DUVI 27/05/2014

Aínda que a auga é un elemento indispensable para a vida, poucas veces a xente detense a analizar a verdadeira importancia deste recurso. Partindo deste postulado inicial, a profesora da Facultade de Belas Artes Ana Soler propón “mirar a través da auga” e reflexionar respecto de como están a actuar os seres humanos cun elemento imprescindible en Flywaterbags. A sight into the water, a intervención que ata finais de agosto se pode contemplar na Cidade da Cultura. Un total de 3500 bolsas de auga, que se atopan penduradas das Torres Hejduk, conforman esta proposta artística, coa que Soler convida ao público a “ir máis aló do evidente”.

Como un diálogo coa exposición Auga Doce, que se pode ver ata setembro no Centro Museo Gaiás e que tamén se vertebra arredor do líquido elemento, foi presentado un proxecto artístico que Soler recoñece coma “un reto”, por tratarse “dunha intervención específica para un espazo difícil, pero moi especial”, as Torres Hejduk. De feito, as cristaleiras dunha destas construcións e a opacidade da outra condicionaron en gran medida o deseño contraposto de Flywaterbags, “que ao final é un debuxo de tres dimensións”, salienta.

Nestas edificacións, de preto de 20 metros de altura, Soler instalou un total de 3500 bolsas de plástico transparentes cheas de auga, que na torre definida pola luminosidade conforman unha “gran gota de auga, que cando lle dá o sol convértese nunha lupa” a través da que se aumenta, se reflicte e se deforma a realidade. Por outra banda, a escuridade da segunda torre permitiu a esta artista e profesora deseñar “unha grande explosión de auga, na que o tempo se detén”.

Unha reflexión arredor da contaminación

Aínda que “se supón que auga é transparente, incolora, insípida e inodora”, Ana Soler propón neste proxecto ir máis aló desas ideas xerais e enfrontarse á pregunta de “que pasa se miramos a través da auga?”. Non en van, aínda que “non lle deamos importancia a unha simple pinga de auga, dela depende todo”. Por ese motivo, na torre opaca, a intervención de Soler ten como complemento unha serie de proxeccións nas que se exhiben varios exemplos de contaminación ou mal uso deste recurso, coa idea de promover "unha visión crítica" arredor un elemento indispensable para que exista vida na terra.

Inaugurada o pasado mes de abril, Flywaterbags poderá visitarse de xeito gratuíto na Cidade da Cultura ata o vindeiro 31 de agosto, de luns a domingo en horario de 10.00 a 20.00 horas.