DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Dentro do libro "Sector Agroalimentario. I+D+i, Servizos e Formación"

36 grupos de investigación da Universidade implicados no estudo dun sector estratéxico na comunidade galega

Unha publicación da OTRI, baixo a Vicerreitoría de Investigación

Etiquetas
  • Vigo
Lucía Costas DUVI 17/12/2008

A Oficina de I+D da Universidade (OTRI) ven de publicar o libro Sector Agroalimentario. I+D+i, Servizos e Formación no que se recolle “a oferta, os estudos e os proxectos dos equipos de investigación que traballan neste sector”, explica Ángeles López, directora da Oficina I+D. Son un total de 36 grupos, dos ámbitos científico, tecnolóxico e xurídico-social, que ofrecen a posibilidade de colaborar con empresas e institucións dedicadas á agricultura, á gandaría e aos alimentos. “O obxectivo do manual é poñer en contacto aos grupos con empresas do sector, facilitando así a colaboración entre ambos”, subliña José Jato, técnico da Unidade de Cultura Científica.
A ampla experiencia dos grupos incluídos neste libro vai dende o avance xenético de microorganismos ata ao deseño e implantación de sistemas de análise de perigos e puntos de control críticos. Tamén hai experiencia demostrada na produción frutícola, mellora de plantas, fertilidade de solos e biodegradación de residuos. Asemade, hai equipos que traballan en pensos para alimentación animal, na valorización de materiais residuais e na mellora da calidade de embutidos, de viños e de novos alimentos. Tamén se inclúen grupos con experiencia en temas de loxística, de transporte e de estratexia empresarial.

As publicacións I+D+i, Sevizos e Formación

Ángeles López sinala que a OTRI dispón dunha oferta on-line de máis de 200 grupos de investigación, todos eles orientados a diferentes sectores industriais, xa que deste xeito "é máis cómodo promocionalos, levándoos a feiras e visitas concretas, tratando tamén de casar oferta e demanda", remarca a directora. Partindo destes obxectivos a oficina de I+D está a publicar unha serie de libros centrados nun ámbito específico, ata o de agora xa están dispoñibles os referentes ás enerxías renovables e medio ambiente, aos sectores da acuicultura e naval e ás tecnoloxías da información e comunicacións.
Estase a traballar en sectores con forza na comunidade galega e, neste senso, “o da agroalimentación, no cal teñen cabida industrias como a leiteira ou cárnica, considerámolo determinante e estratéxico no desenvolvemento de Galicia”, explica. A creación da Plataforma Tecnolóxica da Agroalimentación e a posta en marcha dun proxecto financiado polo Ministerio foron tamén “dous fortes impulsos para a realización deste inventario”, subliña.
Ao marxe deste tipo de publicacións, López comenta que a OTRI está a traballar neste momento na elaboración de dúas novas obras, unha sobre as spin-off da Universidade e outra, desenvolta pola Unidade de Cultura Científica, na que se intentará divulgar a ciencia de maneira sinxela e accesible á sociedade en xeral.

O labor da OTRI da Universidade

A Oficina de I+D da Universidade de Vigo, creada por proposta da Vicerreitoría de Investigación, pertence á Rede de Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) das universidades españolas. Esta rede, formada actualmente por 60 oficinas, constitúe unha sectorial da CRUE (Conferencia de Reitores das Universidades Españolas) e ten como obxectivos fomentar a actuación conxunta destes centros, coas empresas en actividades de I+D e a transferencia axeitada ao sector produtivo dos resultados da investigación pública que poidan dar lugar a produtos de interese industrial ou procesos novos. O seu labor fundamental céntrase na difusión do papel investigador da Universidade cara á súa contorna socioeconómica e na canalización da demanda social cara aos grupos de investigación universitaria.
Un dos servizos da OTRI é a Unidade de Cultura Científica creada co obxectivo de apoiar a difusión, a comunicación e a divulgación dos resultados das investigacións científicas da Universidade. Esta unidade pretende actuar como intermediario entre a comunidade investigadora e a sociedade, estimulando a curiosidade polo mundo da ciencia e a tecnoloxía entre os máis novos con mecanismos cercanos e accesibles que animen o seu interese por estas materias.