DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Textos sobre gripe A e ONGs romperon o xeo a primeira hora da mañá

3615 estudantes inauguran a nova selectividade nos tres campus

En literatura elixiron entre século XVIII ou Realismo e en Filosofía entre Aristóteles ou Kant

Etiquetas
  • Vigo
  • Estudantes
D. Besadío DUVI 16/06/2010

3615 estudantes do sur de Galicia, case o 40% do total galego, estrearon hoxe nos tres campus da Universidade a nova selectividade. Fixérono co exame de Lingua Castelá e Literatura, unha proba na que elixiron entre Gripe A ou ONGs, no apartado de comentario de texto, e século XVIII ou realismo e Naturalismo, en literatura. Cualificados pola maioría como “fácil” ou “máis accesible do que pensabamos”, a proba serviu tamén para relaxar en gran medida os nervios que se viviron a primeira hora da mañá cando, DNI na man, foron ocupando as súas respectivas cadeiras.
Vigo é o campus no que se concentran máis estudantes, 1795 alumnos e alumnas que se reparten entre a ETS de Enxeñaría Industrial e as facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución e Bioloxía. No caso do campus de Ourense son 921 os estudantes de segundo de Bacharelato os que se están a examinar, repartidos entre as facultades de Dereito, Ciencias Empresariais e Turismo e Historia, mentres que en Pontevedra a cifra ascende a 899 mozos e mozas que se examinan en Ciencias Sociais e da Comunicación e na EU de Enxeñaría Técnica Forestal.
Tras o primeiro exame, tocaron 45 minutos de descanso, “ao fin, un pouco de aire para poder respirar”, comentaba Blanca Rodríguez, do Instituto Rosales de Vigo, que admitiu sentirse moito máis desafogada tras o primeiro exame, “a verdade é que o realismo o tiñamos todos moi ben preparado e non creo que haxa problema”, comentou, ao tempo que repasaba os apuntamentos de Filosofía, unha proba na que finalmente tiveron que elixir entre Kant e Aristóteles.
Ao mesmo tempo que algúns se examinaron de Filosofía outros fixérono de Historia de España, unha proba na que elixiron entre a opción A, que incluía varios textos para elaborar unha composición final sobre o franquismo e o inicio da transición democrática, ou a B a elaboración dunha composición argumentada a partir de cinco fragmentos de textos constitucionais sobre institucións e persoas que son depositarias da soberanía en cada un deles.

Actitude positiva ante o novo modelo de probas

A nova selectividade que hoxe botou a andar divídese en dúas fases. A primeira, a xeneral, na que igual que se viña facendo ata agora, o estudante examínase das materias comúns de segundo de Bacharelato -Lingua Castelá e Literatura, Lingua Galega e Literatura, Historia de España ou Historia da Filosofía, Lingua estranxeira e unha materia de modalidade do 2º curso de bacharelato. A segunda fase, a específica, é voluntaria e nela o alumno que queira competir por unha praza nunha titulación na que prevé que haxa máis demanda que oferta, terá a oportunidade de mellorar a súa nota examinándose de calquera das materias de modalidade de segundo de Bacharelato -distinta á elixida na fase xeral- ata un máximo de tres, dos que só puntuarán os dous con mellor nota.
“Eu quero estudar Veterinaria e paréceme xenial este novo modelo”, comentaba Verónica Gil do Instituto Politécnico de Vigo, “en principio, non creo que me faga falta, pois teño unha nota media de oito e o ano pasado o corte quedou en 6.43, pero paréceme unha boa oportunidade”. A mesma opinión manifestou tamén Mª José Cuadrado, profesora no Instituto de San Tomé de Freixeiro, que leva vinte anos acompañando ao alumnado nas probas, “considero que este novo modelo prima a idea do esforzo extra e iso é algo que gusta”, sinalou, ao que engadiu que “todo o que sexa facilitarlles o camiño paréceme ben”.
“Eu Ciencias da Educación e do Deporte”, “eu Enfermaría”, “eu eEnxeñaría de Telecomunicación”, mentres algúns o teñen claro e afrontan este día coma o último paso para chegar “por fin á Universidade”, como sinalaba Carlos Martín, decidido a estudar Enxeñaría Industrial, outros manifestan que “xa veremos que nota final me queda” ou “aínda non o teño claro”, salientaba Hugo Díaz, dubidando entre facer Matemáticas ou Economía.

Calendario

Xa moito máis relaxados as probas continuarán esta tarde cos exames de Lingua Galega e Literatura, ás 16.00 horas, e Lingua Estranxeira ás 18.15 horas. Mañá xoves as probas empezarán cos exames de Matemáticas II, Grego II ou Técnicas de Expresión Gráfico-Plástica, segundo a opción, e seguirá con Ciencias da Terra e Ambientais, Literatura Universal e Deseño, pechando a xornada Química, Latín e Debuxo Artístico II. Pola tarde, a partir das 16.30 horas desenvolveranse as probas de Bioloxía, Matemáticas Aplicadas ás Ciencias Sociais e Mecánica, finalizando o día con Electrónica, Historia da Arte e Imaxe.
O venres ás 9.00 horas están convocados os exames de Física, Xeografía e Análise Musical II, segundo a opción dos estudantes; seguidos de Debuxo Técnico II, Economía da Empresa e Artes Escénicas, finalizando as probas con Tecnoloxía Industrial II, Historia da Música e da Danza.
Ás 20.00 horas do día 25 publicaranse as cualificacións provisionais das probas.