DUVI

Diario da Universidade de Vigo

37 novos docentes aprenden a ensinar nun curso de formación

Chegados de diferentes titulacións son os integrantes da 3ª edición do curso de iniciación a docenc

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
D. Besadío DUVI 11/11/2009

Seguindo o vello dito de que para ensinar non chega con saber a materia, 37 novos profesores da Universidade iniciaron hoxe un curso de iniciación á formación para a docencia universitaria. Algúns contan xa con diversas experiencias á hora de impartir clases prácticas pero na súa inmensa maioría lembrarán este curso por ser os primeiro no que impartiron unha materia, tanto na súa vertente teórica como práctica.
Dirixido a aprender a planificar a ensinanza no ámbito universitario, o curso fará especial fincapé en que os novos docentes aprendan metodoloxías e recursos didácticos para a docencia universitaria, incluídas as novas tecnoloxías. Neste liña, o vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, Pedro Membiela, destacou no acto de apertura do curso, celebrado no Edificio Miralles, a importancia de “conseguir que a docencia teña un núcleo importante de innovación”, ao que engadiu que con innovación non se refire a “grandes” cousas, senón simplemente “aquilo que facedes distinto e que máis vos gusta”.

A maioría impartirán docencia no campus de Vigo

Maioritariamente procedentes do campus de Vigo, a Facultade de Bioloxía é unha da que máis docentes noveis achega o curso. É o caso de Carlos Canchaya, un estudante de doutoramento peruano membro do grupo de investigación do profesor David Posada. “Teño xa experiencia á hora de impartir clases prácticas, pero nunca impartín unha materia completa”, sinala Canchaya, quen se enfrontará “cheo de ilusión” a esta nova experiencia no segundo cuadrimestre, “ata entón irei aprendendo dos consellos que me dean os docentes do curso”, engade. Acudiu á presentación cun dos seus compañeiros, Andrés Pérez, quen admitiu que “se ben lle encanta a docencia é moi difícil de compatibilizar coa carreira investigadora”.
O ámbito tecnolóxico tamén vai estar moi presente no curso, sobre todo a ETS de Enxeñeiros Industrias, outro dos centros ao que pertencen máis alumnos do curso. Entre eles está Judit Fernández que dará clases de Electrónica nesta escola, “se ben eu son enxeñeira de telecomunicación”, aclara. En marzo presentará xa a súa tese de doutoramento e aínda que lle gusta a idea de dar clase “sempre hai ese medo escénico a que che pregunten cousas que non coñezas”.
Ciencias Económicas e Empresariais, Filoloxía e Tradución, Ciencias do Mar, Química, Historia, Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e a EUET Forestal completan o listado de centros nos que estes docentes iniciarán a súa andadura profesional.

66 horas para facerse cos trucos da profesión

O curso que hoxe se inicia terá un programa similar o das edicións anteriores. Conta cun total de 66 horas distribuídas en tres bloques diferenciados, nos que se abordarán aspectos que abarcan dende o coñecemento da propia Universidade, ata o novo marco do EEES e os principais métodos e recursos. “Como sempre imos a seguir dándolle moitísimo peso aos temas de innovación na docencia”, destacou o vicerreitor, quen animou aos novos docentes a participar tanto nos ciclos de conferencias que se iniciarán a vindeira semana como na cuarta Xornada de Innovación Educativa, que terá lugar no vindeiro mes de decembro “e na que vos animo a todos a participar, non só como asistentes, senón que tamén podedes presentar os vosos traballos”.
Luis Anido, director da Área de Innovación Educativa, foi o encargado de explicarlle as cuestións máis prácticas, entre outros aspectos, insistiu en que a asistencia a esta actividade formativa será certificada pola Universidade a todas as persoas inscritas que asistan polo menos a 27 sesións das 34 programadas –cada sesión equivale a dúas horas de docencia-.