DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Alumnado dos dous centros celebraron este venres o seu acto de graduación

39 egresados en Dereito, 15 en Historia e o desexo común dun futuro prometedor para todos

Os responsables académicos destacaron o orgullo que supoñen para a Universidade

Etiquetas
  • Ourense
  • Estudantes
Rosa Tedín DUVI 06/06/2014

Este venres continuaron os actos de graduación no campus de Ourense e nesta ocasión foi a quenda de 39 egresados do grao de Dereito e 15 do grao de Xeografía e Historia. Con perfís e formacións moi diferentes, todos eles e elas compartiron a satisfacción de rematar os seus estudos, a inquedanza por abrir unha nova etapa e o desexo dun futuro no que poder atopar un oco no que desenvolver todo o seu potencial profesional e persoal. Son, destacaron os responsables académicos, o maior orgullo deste campus, un campus que sempre terá abertas as súas portas para aqueles que desexen continuar formándose.

Para ser avogados e moito máis

Os primeiros en celebrar o seu acto de graduación no Edificio Politécnico foron os 39 novos titulados da segunda promoción, 2010/2014, do grao en Dereito da Facultade de Dereito. Nun acto presidido por Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus, que contou coa presenza de responsables da facultades de Dereito e Ciencias Xurídicas e do Traballo das tres universidades galegas e que tivo como padriños de promoción aos docentes Susana Álvarez e Guillermo Suárez Blázquez, os homenaxeados recolleron con emoción as súas insignias, bandas e diplomas conmemorativos diante de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria. Durante a cerimonia tamén se nomeou como membro honorífico do claustro de profesores desta facultade a J. Ramón Parada, catedrático de Dereito Administrativo da UNED.

A esta nova promoción de xuristas, Virxilio Rodríguez, díxolles que son “o espello no que a Universidade se ve reflectida e onde a nosa función cobra significado”, polo lles animou a facer das súas vidas “algo extraordinario” cada día delas. Do mesmo xeito, Roberto Bustillo, decano da Facultade de Dereito de Ourense, quixo animalos a aproveitar todo o abano de posibilidades que a súa formación lle permite, xa que “a carreira de Dereito ofrece unha formación polivalente para ser avogados, xuíces, inspectores de facenda, letrados de parlamentos autonómicos, notarios...”.

Consolidación dos estudos de Historia

Pola súa banda, os 15 novos titulados do grao en Xeografía e Historia da Facultade de Historia do campus celebraron o seu acto de graduación no Edificio de Ferro. Tamén eles, acompañados de familiares, amigos e membros da comunidade universitaria quixeron celebrar o remate dos seus estudos nun emotivo pero sobre todo divertido acto no que contaron como padriños cos docentes Francisco Javier Pérez e Beatriz Vaquero e no que tamén houbo tempo para lembrar algúns dos bos momentos vividos xuntos. “A historia é o futuro. A vosa promoción é unha proba da consolidación deste grao no campus de Ourense, onde se seguirá impartindo o vindeiro curso”, destacou Virxilio Rodríguez aos novos historiadores.

Fronte á deshumanización da universidade, ao desmantelamento da educación pública e á morte das Humanidades, Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia, reivindicou como “máis necesario que nunca destinar recursos á educación da mocidade para evitar que a sociedade caia no abismo da ignorancia” e animou aos novos egresados do seu centro “a saír e conquistar o mundo, pero sobre todo, asumide a tarefa de facer unha humanidade máis humana”.