DUVI

Diario da Universidade de Vigo

4 titulacións e 16 cursos de posgrao forman a oferta de estudos propios da Universidade

Abranguen unha ampla variedade de ámbitos e temática

Etiquetas
  • Vigo
  • Institucional
Romina Vázquez DUVI 22/09/2008

Unha ampla oferta que abrangue todos os ámbitos e temáticas. Así definiu Pedro Membiela, vicerreitor de Formación e Innovación Educativa, o catálogo de títulos propios, tanto de grao como de posgrao, que a Universidade ofrece para o presente curso académico. Ademais, “hai unha extensa variedade no tocante a extensión temporal, xa que vai desde másters ata cursos complementarios e de formación”, engadiu Membiela durante a presentación.
En relación co perfil dos interesados nestes estudos, o vicerreitor sinalou que se trata tanto de “estudantes que desexan complementar a súa formación como de profesionais que buscan unha especialización no mercado de traballo”. A este respecto, Pablo Grande, coordinador do curso de especialista en Menores en Situación de Desprotección e Conflicto Social, lembrou que “hai unha porcentaxe significativa de persoas residentes no norte de Portugal que optan pola oferta propia da Universidade”.

Oferta propia para os que se achegan á Universidade por primeira vez

Pensando naqueles que comezan os estudos superiores, a Universidade pon a disposición dos estudantes catro titulacións propias: Información Técnica do Medicamento, Deseño Téxtil e Moda, Ciencias Policiais e Detective Privado. Jaime de Vicente Remesal, catedrático en Dereito Penal, foi o encargado de presentar os dous últimos títulos, impartidos na ETS de Enxeñaría Industrial.
No tocante ao graduado universitario en Detective Privado, De Vicente Remesal destacou que se trata de estudos “totalmente recoñecidos e homologados polo Ministerio do Interior”. O seu obxectivo é ofrecer unha formación sólida no campo da seguridade pública e privada para tomar parte nas probas de acceso e promoción ás Forzas e Corpos de Seguridade das Administracións Públicas. Pola súa banda, o título de Ciencias Policiais conta co respaldo da Xunta de Galicia, a través da Academia Galega de Seguridade Pública.
En ambos casos, a docencia repártese en tres cursos académicos cun temario moi similar, impartido “tanto por profesorado procedente da Universidade como por especialistas externos”, segundo De Vicente Remesal.
A estes títulos, aos que se accede trala realización das PAAU, súmase o Graduado Superior en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental, impartido na Facultade de Ciencias de Ourense. Para cursar estes estudos é preciso estar en posesión dunha titulación universitaria do ámbito científico ou unha enxeñería, ou ben ser alumno dalgunha das carreiras que se imparten na propia Facultade.

Ensinanzas de posgrao para complementar a formación

Sanidade, informática, pesca, medio ambiente, saúde e economía son só algúns dos ámbitos que abarcan os cursos de posgrao que a Vicerreitoría de Formación e Innovación Educativa ten previsto impartir ao longo deste curso académico.
Dirixido a profesionais do Dereito e do mundo da empresa, o curso de especialista en Fiscalidade Empresarial ofrece “formación específica para unha saída profesional de alto interese”, tal como explicou a súa directora, Ana Mª Pita Grandal. Con respecto á docencia, as clases impartiranse na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo os mércores, xoves e venres en horario de tarde.
Para presentar o curso de especialista en Menores en Situación de Desprotección e Conflito Social, Pedro Membiela estivo acompañado por Pablo Grande, quen destacou o éxito destes estudos que xa van pola súa quinta edición. Trátase dunha “formación eminentemente xurídica que se compatibiliza con coñecementos de psicoloxía e pedagoxía”, tal como el mesmo sinalou.

A lista completa de cursos pode consultarse na páxina http://apv.uvigo.es/cursos_posgrao/cursos/cursos.php?funcion=ver_tipo&tipo=todos