DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Acto de graduación da segunda promoción do Grao en Fisioterapia

40 novos titulados “que regalan saúde”

O decano da facultade, Manuel Gutiérrez, anunciou a creación dun mestrado investigador

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Estudantes
Bea Feijoo DUVI 15/07/2011

Unha profesión por vocación pero “sacrificada e gratificante”. Con estas palabras recibiron a benvida ao mundo laboral os 40 novos titulados en Fisioterapia , que este venres celebraron o seu acto de graduación presidido polo reitor, Salustiano Mato. Nun evento marcado polas despedidas, o decano da facultade, Manuel Gutiérrez, destacou o éxito laboral do grao “pois algúns de vós xa estades traballando dende maio” e a próxima creación dun mestrado “que faga avanzar a ciencia dende a investigación e o estudo”. José Luis Aristín, presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia, reivindicou a necesidade de continuar loitando contra o intrusismo na profesión.

O reitor aproveitou a súa intervención para felicitar aos novos graduados “que regalan saúde aos que a necesitan” e para salientar o carácter pioneiro da Facultade de Fisioterapia, “sendo a primeira escola desta disciplina en Galicia en obter ese recoñecemento grazas ao esforzo e traballo do persoal docente e do PAS”. Salientou “o gran salto cualitativo da profesión” que provocou esta conversión en bloque ao EEES, minimizando o impacto “que supón pasar de pre a pos Boloña”. Definiu ao centro como “unha das fortaleza da Universidade, cunha titulación tan atractiva e singular que atrae aos mellores expedientes”, apuntou Mato.

Pola súa banda, o decano tamén fixo fincapé no cambio da denominación do centro, “sodes a primeira promoción que vos graduades baixo o nome de Facultade de Fisioterapia”. Lembroulles a necesidade “de entregarse todos os días á profesión, pois ides tratar con persoas cunha diminución na súa saúde e necesitarán unha atención adecuada tanto a nivel técnico como humano”. Para animar aos novos egresados nestes tempos de receso económico, Gutiérrez recuperou algún dos datos sobre a titulación recollidos pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia, ACSUG, no último informe, “no que se afirma que un titulado en Fisioterapia do campus de Pontevedra atopa traballo antes de dous meses”.

Recoñecemento da profesión

O presidente do Colexio Oficial de Fisioterapeutas de Galicia falou da necesidade de continuar loitando polo recoñecemento da profesión, “somos unha disciplina nova e temos que seguir demostrando o que valemos”. Apuntou ademais que a fisioterapia pode e debe ter competencias importantes en materia sanitaria, “pois non soamente servimos para aplicar masaxes, senón que tamén dominamos unha infinidade de métodos e técnicas” e da obrigatoriedade da sociedade “de denunciar a aquelas persoas que se fan pasar por profesionais sanitarios en academias privadas, facendo propaganda enganosa da fisioterapia”.

O profesor Gustavo Rodríguez Fuentes foi nomeado padriño desta segunda promoción e atreveuse a dar “un discurso moi persoal por serdes meus afillados”. Así, a través dunha especie de fábula con moralexa final, aconselloulles que presten atención en primeiro termo “a aqueles aspectos importantes das vosas vidas, á familia, aos pais, ás parellas. Establecede prioridades e non vos deixedes levar pola rutina do día a día”. Recordoulles que, como padriño, “sempre terei espazo e tempo para vós”. Os alumnos tamén tiveron a palabra, representados por Daniel Noal e Beatriz Pillado. Fixeron alusión de que comezaron coa idea de cursar tres anos de estudos “e tanto nos gustou que acabamos facendo catro e ascendendo de categoría”. Fixeron alusión aos inicios das prácticas e das estancias clínicas, pero sobre todo destacaron as amizades feitas e a unión do grupo, “creando uns lazos que non se romperán no resto das nosas vidas”, comentaron emocionados.

Na celebración tampouco faltou a música, pois a cantante Natalia Rodríguez puxo a nota musical a un encontro que rematou coa interpretación do Gaudeamus Igitur.