DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No “II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte” ata o vindeiro 10 de maio

400 deportistas de todo o mundo afondan en Pontevedra nas novas tendencias da actividade física

Relatorios, cursos de especialización e comunicacións dan contido ao programa

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Deportes
Ana Terceiro DUVI 08/05/2008

Máis de 400 deportistas de todo o mundo participan desde hoxe en Pontevedra no II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e o IV Seminario Nacional de Nutrición, Medicina e Rendemento no Novo Deportista, un evento que pretende facilitar unha actualización e análise das novas tendencias da actividade física. Organizado polo concello, a Universidade de Vigo e o grupo de investigación HI10 do Departamento de Didácticas Especiais, a iniciativa “conta con participantes procedentes de diversas institucións educativas do país, ademais de docentes de Venezuela, Brasil, Italia e Francia”, segundo afirmou o director do comité organizador, Víctor Arufe, no acto inaugural que tivo lugar no Pazo da Cultura.
Ao longo de tres intensas xornadas analizarase a práctica do exercicio físico en todas as súas vertentes da man de expertos internacionais coa idea de facer unha reciclaxe e de promover a creación de relacións que, como xa apuntou a delegada provincial de Cultura, María Xesús López Escudeiro, “cada vez son máis as demandas que hai neste sector e de aí a necesidade de organizar foros de debate que permitan complementar a preparación dos nosos profesionais”.
Na presentación tamén estiveron presentes o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, o presidente da Comisión Informativa de Xuventude e Deportes da Deputación de Pontevedra, José Enrique Sotelo, o membro do Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física, Roberto Barcala, o director do grupo de investigación HI10 da Universidade de Vigo, José Luís García Soidán e a encargada da Área de Relacións Externas de Begano- Cocacola, María Troncoso.

Unha intensa programación coa participación dos asistentes

Ata o vindeiro 10 de maio, o II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte contará, ademais das conferencias e as mesas redondas da man de recoñecidos profesionais, con varias actividades coas que se pretende “fomentar a participación dos asistentes”, segundo explicou o organizador, Víctor Arufe. Deste xeito, nove relatorios, 12 cursos de especialización, 170 comunicacións e seis áreas temáticas darán contido a un intenso programa.
Cada congresista poderá acudir a dous seminarios para afondar en cuestións relativas a áreas concretas de coñecemento e, pola súa banda, coas comunicacións libres e os pósteres preténdese dar a posibilidade de expor ante o público as principais liñas de investigación nas que actualmente se están traballando.
Cada unha das exposicións orais englobarase en algún dos seis bloques temáticos nos que se divide o congreso: ocio e tempo libre, rendemento deportivo, saúde e hixiene, educación física e didáctica, xestión e organización e psicoloxía e ciencias sociais.

Pontevedra, unha cidade para o deporte

Na inauguración do II Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e o IV Seminario Nacional de Nutrición, Medicina e Rendemento no Novo Deportista, tamén estivo presente o alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, quen subliñou que “desde o concello estase a traballar para facer de Pontevedra un lugar para vivir de xeito harmónico e saudable, por iso apoiamos este tipo de iniciativas que consideramos que dan un pulo a valores tradicionais que se estaban perdendo”, comentou no Pazo da Cultura. Ademais, Fernández Lores destacou os avances que se están facendo en materia de saúde urbana e a disposición da alcaldía por “colaborar sempre con estas actividades que abren unha porta ao turismo deportivo”, afirmou o alcalde.