DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Organizado pola ETSE de Minas xunto coa SEMR, celebrarase ata o xoves 29

400 expertos de 45 países danse cita en Vigo nun congreso internacional de mecánica de rochas

Debaterán sobre a súa aplicación en enxeñaría civil, construción e industria mineira e petroleira

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 27/05/2014

Son os maiores expertos do mundo en mecánica de rochas e enxeñaría de minas e representantes dalgunhas das máis relevantes compañías internacionais neste eido. Preto de 400 persoas de 45 países que ao longo desta semana converten a cidade de Vigo nun punto de encontro do máis alto nivel coa celebración do European Rock Mechanics Symposium, Eurock 2014. A ETS de Enxeñaría de Minas xunto coa Sociedad Española de Mecánica do Rocas están detrás deste congreso que se celebra por primeira vez en España. Aínda que as actividades paralelas comezaron o domingo con varios cursos e obradoiros, este martes arrancou oficialmente o simposio cun acto ao que asistiu Asunción Longo, vicerreitora de Investigación e Transferencia; Xia-Ting Feng, presidente da International Society of Rock Mechanics; Fréderic Pellet, presidente para Europa do ISRM e Leandro R. Alejano, presidente do comité organizador e profesor da Universidade de Vigo.

Como explica Alejano, a ISRM (International Society of Rock Mechanics) elixiu en 2011 no seu congreso de Beijing a cidade de Vigo para organizar o Eurock 2014, un evento de relevancia internacional que reúne enxeñeiros xeotécnicos do ámbito académico e empresarial de Europa e o mundo”. Destaca que este tipo de eventos favorecen o contacto entre os profesionais e afondan no papel da mecánica de rochas no eido da enxeñaría civil, a construción e a industria mineira e do petróleo.

En total, asisten a este congreso 385 participantes de 45 países. Ata o xoves, haberá seis conferencias maxistrais e presentaranse 250 traballos de 40 países; 160 deles contarán con presentación oral e o resto en sesións póster. Entre os participantes, destacadas figuras internacionais como Nick Barton (Brasil), Anna María Ferrero (Italia), Xia-Ting Feng (China), Claudio Olalla (España), Derek Martin (Canadá), José Lemas ( Portugal), Carlos Carranza (EEUU). Leandro Alejano explica que a organización preparou “un programa atractivo, cun bo número de conferencias maxistrais destes expertos e dous cursos curtos e un obradoiro, así como interesantes visitas a diferentes minas e obras de enxeñaría civil.

Unha oportunidade para visibilizar a investigación viguesa

Alejano explica que a elección de Vigo para este congreso europeo supón unha oportunidade “para darse a coñecer e divulgar algúns dos traballos que realizamos e das tecnoloxías que aprenden os nosos estudantes”. Pero subliña que ademais permite poñer a Vigo “no mapa mundial das tecnoloxías mineiras”, xa que nestes días é o punto de encontro de especialistas de todo o mundo. Nas conferencias maxistrais abordaranse temas de especial interese como a simulación numérica en mecánica de rochas, grandes cimentacións en rocha, modernización das técnicas de caracterización e deseño de presas. O profesor vigués agarda que isto sirva “para facilitar o establecemento de relacións” con grupos doutras institución e empresas, algo no que fixo fincapé no acto inaugural a vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, que animou aos asistentes a crear sinerxías coa Universidade de Vigo neste campo de investigación.

Tras o acto de apertura, o encargado da primeira conferencia maxistral foi o enxeñeiro Nicholas R. Barton que ofreceu en relatorio sobre a resistencia das rochas e os macizos rochosos. Barton ten ampla experiencia en asesoramento de múltiples proxectos de enxeñaría ao longo do mundo e, nos últimos anos foi consultor dunha compañía de ouro en Colombia, asesor para as obras do metro de Hong Kong, a construción dun túnel para unha estrada de montaña en Cachemira ou un túnel de transferencia de auga na cordilleira andina, entre outros traballos.

Enxeñaría aplicada á vida real

Neste punto de encontro, e ao longo de tres días, os asistentes centraranse en consolidar coñecementos e desenvolver novas ideas que melloren a enxeñaría de rochas, as tecnoloxías e a investigación neste campo. Abordaranse temas como a utilización razoable e sostible dos macizos rochosos e as rocas, é dicir, explica Alejano “o deseño dun túnel, un aparcamento ou unha mina para que non dean problemas; a cimentación dunha ponte como o de Rande ou unha presa dun pantano en rocha para que sexa estable”. Ademais esta utilización razoable tamén implica o uso do espazo subterráneo para realizar escavacións de calquera tipo (túneles para depuradoras, cavernas hidroeléctricas, minas, infraestruturas subterráneas) que sexan estables. Pero a mecánica de rochas tamén se emprega no tratamento de monumentos en proceso de deterioro ou para o deseño dunha secuencia adecuada para a explotación dun campo de petróleo ou gas.

O profesor da ETSE de Minas explica tamén que se tratarán “temas fundamentais específicos da disciplina como modelos de comportamento, ensaios de laboratorio e caracterización in-situ de rochas e temas máis aplicados como deseño e execución de túneles, de minas e de canteiras; aplicacións á industria do petróleo e ao fracking; estudos de deseño de almacenamento de residuos; inxección de CO2 subterránea e estudos sobre o marco normativo en xeotecnia.

Premios e visitas

Antes do inicio do simposio, Vigo acolleu dende o domingo un curso previo sobre modelización numérica e enxeñaría de rochas e outro sobre o ámbito de aplicación do Eurocode7 para o deseño de enxeñaría de rochas. Ademais, ata hoxe celebrouse tamén un workshop sobre solucións de mecánica de rochas para a protección de rochas ornamentais e a conservación arqueolóxica, que tratou de proporcionar un diálogo entre a mecánica de rochas e a conservación arquitectónica e arqueolóxica, poñendo en contacto enxeñaría con patrimonio.

A parte máis práctica do congreso consistirá en varias visitas técnicas que os asistentes realizarán ao longo desta semana a unha mina subterránea de lousa, ás Médulas, ao proxecto hidroeléctrico subterráneo reversible Venda Nova III, no norte de Portugal e ás obras do túnel do AVE en Verín.

Ademais, no transcurso deste simposio, outorgarase un premio entre os científicos e enxeñeiros novos que sexan autores principais dunha das ponencias que se presenten neste congreso. Un dos requisitos é ter menos de 35 anos, xa que a finalidade é recoñecer os logros acadados en investigación e as achegas prácticas significativas que teñan desenvolto no inicio da súa traxectoria profesional no campo da mecánica de rochas ou da enxeñaría de rochas.