DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Na emisión este venres do programa ¡Anda Ya! dende o Teatro Vidal Bolaño

400 persoas gozan da música e o humor en directo no campus da man dos 40 Principales

Etiquetas
  • Vigo
  • Cultura
Sara Alcázar DUVI 04/06/2010

Máis de 400 persoas ateigaron o Teatro Vidal Bolaño durante a emisión en directo do programa dos 40 Principales, ¡Anda Ya!, que recalou este venres en Vigo como un dos da xira 2010 do espazo radiofónico, coa que o seu presentador Frank Blanco e o seu equipo realizan un percorrido por toda a xeografía española.
A expectación xerada polo programa deixouse notar ante a grande afluencia de público dende as 7 ás 10 da mañá, de xeito que o presentador anunciou en antena que “non hai cadeiras para todos”.
Humor, música e información mesturáronse no contido da programación, na que non faltou a participación do público, que se amosou moi entregado cos realizadores do programa. Ademais, tamén tiveron cabida a clásica proba de noivos e as bromas telefónicas protagonizadas por Miguel Martín e San Bernardino, que provocaron as gargalladas e aplausos dos asistentes.
Segundo manifestou a co-presentadora de ¡Anda Ya!, Mar Montoro, “se teño que valorar ao público vigués do un ao dez, doulle un quince”. Ademais, a presentadora gabou a reacción dos asistentes “que ateigaron a sala dende primeira hora e involucráronse moitísimo nas bromas” e cualificou a experiencia de “moi gratificante”. “Paseino xenial, quero volver a Vigo. Se me convidades, eu veño” manifestou.

Xogos, sorteos e unha caricatura da cidade fixeron as delicias do público

O equipo de ¡Anda Ya! fomentou a interacción do público propoñendo un xogo para comunicarse entre eles a través de mensaxes anónimos, cuxo emisor e destinatario correspondían a números escollidos ao azar. Deste xeito, tanto os realizadores do programa coma os asistentes propuxéronse retos, bromas e saúdos que fixeron as delicias do público.
Ademais, para deixar constancia do paso do programa pola cidade, o colaborador Pedro Aznar presentou a sección Andayeros por el mundo, na cal realizou unha simpática caricatura da cidade, describindo as súas principais características en clave de humor.
Para finalizar o programa, o equipo de ¡Anda Ya! realizou un sorteo de viaxes, reprodutores de música e produtos do espazo entre os asistentes.