DUVI

Diario da Universidade de Vigo

No III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física

400 profesionais do deporte afrontarán tres días de debate en Pontevedra

Intervirán técnicos de España, Portugal, Colombia, México, Estados Unidos e Brasil

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Académica
Esmeralda L. Castro DUVI 30/04/2010

Saúde, xestión, rendemento, didáctica, ocio e historia son as áreas temáticas do III Congreso Internacional de Ciencias do Deporte e Educación Física que terá lugar a vindeira semana en Pontevedra e que presentaron hoxe o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores e Víctor Arufe, director xeral do comité organizador do evento. Do 6 ao 8 de maio o Pazo da Cultura acollerá o que, segundo os organizadores, é o único congreso deste tipo consolidado no Estado, cun gran nivel de participación. Haberá 13 conferencias maxistrais, 12 cursos de especialización e presentaranse máis de 200 traballos de investigación, polo que se espera unha presenza de 400 profesionais do mundo do deporte. Esta cifra, segundo o alcalde “supera neste momento todas as expectativas e é maior que a do ano pasado”.
Este congreso está organizado polo grupo de investigación HI10 da Universidade de Vigo, o Departamento de Didácticas Específicas da Universidade da Coruña e a entidade sen ánimo de lucro Sportis Formación Deportiva, co patrocinio do Concello de Pontevedra e a colaboración da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra.

Un programa denso con representantes de seis países

“É un dos maiores eventos deportivos do Estado en canto a calidade e produción científica”, destacou Víctor Arufe. Pola súa parte Fernández Lores definiu o congreso como “unha cita obrigada do calendario de formación deportiva e do ámbito das persoas que traballan co deporte de xeito multidisciplinar”.
Serán tres días intensos de traballo, investigación e debate en torno a un programa que os organizadores cualificaron como “serio e denso”, no que interveñen representantes de seis países: España, Portugal, Colombia, México, Estados Unidos e Brasil. Arufe destacou a presenza de Jorge Herrera, doutor da Universidade Internacional de Florida, do doutor Amauri Oliveira, do Ministerio de Deporte do Brasil, e de Vanildo Rodrigues, da Universidade Estadual de Maringá. Do ámbito nacional, salientou a conferencia de Antonio Bores Cerezal, preparador físico do Xacobeo Lobelle Fútbol Sala, e de Ramón Riverola, preparador físico da Selección Española de Hockey Patíns.

Formación específica en seis áreas diferentes

Segundo explicou o director do comité organizador, na área de saúde vanse presentar importantes traballos relacionados coa prevención de lesións ou os beneficios do exercicio físico en persoas con discapacidade e maiores. A área de adestramento e rendemento deportivo está destinada aos técnicos de clubs e asociacións. O apartado de ocio e tempo libre dá cabida a profesionais que traballan en campamentos, animación turística en hoteis, obradoiros na natureza, camiñada, etc. O de didáctica e educación física diríxese aos profesores do ensino primario e secundario, e, sobre todo, aos adestradores das canteiras. Por último, a área de xestión está pensada para os xestores das institucións públicas, as federacións deportivas ou os clubs.
No relativo aos cursos de especialización Víctor Arufe comentou que os participantes poderán acadar unha formación específica de tres horas en cada unha destas áreas.

CD de actas con divulgación internacional

Todas as conferencias e estudos que se presenten no congreso van ser recollidos nun CD de actas publicado pola editorial Alto Rendemento. “Isto significa que os traballos non van morrer no evento, senón que se van difundir por países de todo o mundo”, apuntou Arufe ao respecto. O director do congreso considera que esta é unha iniciativa pioneira, que acadou o éxito desde a súa primeira edición, “favorecendo a imaxe de Pontevedra como organizadora de eventos de formación para técnicos deportivos”.