DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Baixo o lema "Avanzando con ou sen barreiras"

400 profesionais e estudantes de enfermaría debaten nunhas xornadas sobre cuestións científicas da profesión

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Noelia V. Vilanova DUVI 12/05/2009

Coincidindo co Día Internacional da Enfermaría, o Edificio Politécnico acolle dende este martes e ata mañá as IV Xornadas de enfermaría de Ourense que teñen como obxectivo “debater cuestións científicas da profesión e dar a coñecer os traballos máis recentes sobre a materia”, explicou Ángel Alfredo Martínez, supervisor da Área de Docencia do Complexo Hospitalario de Ourense. Ademais ao remate das xornadas, farase entrega do XI Premio de Enfermaría do Complexo Hospitalario de Ourense-Xerencia de Atención Primaria de Ourense.
Nesta cuarta edición, que conta con 420 inscritos, os relatorios terán como eixo “o avance da enfermaría e o análise da situación actual”, indicou Martínez; de aí o lema das xornadas: Avanzando con ou sen barreiras.
O acto inaugural contou coa presenza do alcalde da cidade, Francisco Rodríguez, que sinalou aos profesionais da enfermaría como “o piar clave do sistema asistencial e sanitario”. Estes traballadores son un elemento fundamental na atención de urxencia, nos coidados internos e nos procesos de hospitalización, “do voso traballo e cariño depende o éxito das medidas terapéuticas e a calidade da estancia dos pacientes”. Neste mesmo sentido apuntou Manuel Eladio Atrio, director de Enfermería do Complexo Hospitalario de Ourense, destacando que “a inversión nos coidados da saúde é unha estratexia precisa para o avance do noso sistema sanitario”.
Pola súa banda, José Luis Jiménez, xerente do Complexo Hospitalario de Ourense, sinalou que a realización da cuarta edición destas xornadas “reflicte o traballo e a mellora, un crecemento imparable da profesión que debe continuar”. Para Manuel Blanco, xerente de Atención Primaria en Ourense, a enfermaría enfróntase a varios retos na actualidade para poder seguir avanzando, entre eles “lograr un maior recoñecemento da profesión”.

Presente e futuro da enfermaría

A primeira sesión das xornadas deu comezo, tras a inauguración oficial, coa mesa redonda Liderando o presente e futuro dos coidados de saúde na que se afondou sobre a realidade actual da formación de enfermaría e as perspectivas no tempo. As xornadas proseguiron coas comunicacións que optan ao premio de enfermaría e remataron coas comunicacións libres.
A xornada do mércores comezará coas intervencións que optan a premio e posteriormente David Casado, profesor de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo, ofrecerá unha conferencia sobre os valores culturais no coidado cara unha enfermaría reflexiva. A partir das 18.30 horas será a quenda das comunicacións libres e a continuación Mercedes Ugalde, profesora da Escola Universitaria de Enfermaría da Universidade de Barcelona falará sobre investigación e taxonomías enfermeiras.

Os premiados

Coincidindo coa realización das xornadas tamén se fará entrega do XI Premio de Enfermaría do Complexo Hospitalario de Ourense – Atención Primaria de Ourense. As persoas que optan ao galardón presentarán as súas comunicacións ao longo das xornadas, dando a coñecer as últimas novidades e os traballos que se están a realizar noutros lugares de España. Un xurado especialista na materia será o encargado de asignar os premios, 1200 euros para o primeiro clasificado e 600 para o segundo. A entrega de premios terá lugar o mércores ás 20.15 horas coincidindo co acto de clausura das xornadas.