DUVI

Diario da Universidade de Vigo

40.000 lugares galegos vistos dende satélite

A Universidade presenta Aquén, un servizo web para a difusión da toponimia tradicional

Etiquetas
  • Vigo
  • Investigación
M. Del Río DUVI 25/10/2007

315 concellos, 3.794 parroquias e 37.297 lugares de Galicia. Con esta dispersión xeográfica semella complicada a realización dun mapa toponímico que permita recuperar, conservar e localizar os máis de 40.000 lugares oficiais que a lingua galega contempla. Con este obxectivo, o Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo vén de presentar Aquén. Segundo Xavier Gómez Guinovart “trátase dunha ferramenta de divulgación e consulta que permite coñecer e localizar os topónimos ao tempo que tamén a ofrece a posibilidade dun reconto cuantitativo de aqueles nomes recorrentes na xeografía galega”.
Tal e como están estabelecidos na lexislación vixente de acordo cos ditames da Comisión de Toponimia, Aquén localiza os 37.297 lugares e permite comprobar a forma oficial normalizada. Ao tempo tamén ofrece unha visualización da súa localización nun mapa grazas ao emprego da tecnoloxía da ferramenta de Google Maps.
Destes xeito, enlázanse os topónimos coa información cartográfica e as fotografías de satélite das que dispón esta aplicación.

Tres utilidades

Esta nova ferramenta deseñada polo SLI ten unha finalidade eminentemente didáctica e “pretende achegar a toponimia galega a todos, sobre todo aos usuarios que non sexan expertos neste eido”. Con todo, en principio diferéncianse tres utilidades básica. Por un lado ten unha función ortográfica, xa que permite solucionar dúbidas sobre a escritura destes nomes. Por outra banda, ten unha utilidade de localización a través de Google Maps e finalmente permite a comprobación da frecuencia de uso dos topónimos.

Liñas de investigación

O Seminario de Lingüística Informática abrangue no seu traballo de investigación varias áreas. Os membros do grupo veñen traballando nos últimos dez anos en diferentes direccións: aplicacións lingüísticas da informática, verificación automática da ortografía, da sintaxe e do estilo, tradución automática e ferramentas informáticas de axuda á tradución, lingüística de corpus e estudos de tradución baseados en córpora e lexicografía e terminoloxía computacional.
Froito deste traballo de investigación a Universidade dispón de múltiples recursos en liña, que teñen como finalidade última que o galego acade o estado de lingua normalizada, para o que é imprescindible a súa presenza nos medios, sobre todo en Internet para que garanta o incremento do seu uso e o seu recoñecemento. “O camiño da normalización debe incluír entre os seus obxectivos o de dotar á sociedade das tecnoloxías da lingua galega, incluíndo recursos e aplicacións”, destaca Guinovart. Entre as iniciativas do SLI atópase un tradutor automático español-galego-español Apertium de código aberto, o corrector ortográfico en liña de galego OrtoGal, o dicionario CLUVI inglés-galego, o Corpus Paralelo CLUVI orientado á tradución do galego, o Corpus Técnico do Galego de orientación terminolóxica especializada, o Banco de Datos Terminolóxico TUVI, ou o etiquetador FreeLing para a análise lingüística automática do galego.

Proxectos de investigación subvencionados

Actualmente dende o SLI estase a traballar en varios proxectos subvencionados. Entre eles, están a desenvolver o deseño e implementación dun servidor de recursos integrados para o desenvolvemento de tecnoloxías da lingua galega (RILG). Este proxecto está coordinado co Instituto da Lingua Galega e subvencionado polo Ministerio de Educación y Ciencia, dentro do Plan Nacional de I+D+I, 2006-2009 .O obxectivo é crear unha plataforma única que ofreza acceso libre e homoxéneo a todos os recursos lingüísticos elaborados para o galego por estes dous centros reunindo así bancos de datos textuais e dicionarios electrónicos. Por outra banda, están tamén inmersos no proxecto Eixopentrad sobre tradución automática avanzada de código aberto para as linguas de Galicia e Portugal, subvencionado pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento.

A ferramenta pode sonsultarse na páxina do Seminario de de Lingüística Informática http://sli.uvigo.es/toponimia/