DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Participan nas IX Xornadas da Conferencia Nacional de Directores de Fisioterapia que acolle o campus

41 directores de Fisioterapia avalían a implantación dos graos

Coinciden en sinalar o avance de Fisioterapia na adaptación a Boloña con respecto doutras titulación

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Institucional
Esmeralda L. Castro DUVI 10/06/2010

Directores e outros representantes dos 41 centros que forman parte da Conferencia Nacional de Directores de Escolas Universitarias de Fisioterapia (CNDEUF) aterraron hoxe en Pontevedra para compartir durante dous días as súas opinións sobre a implantación dos títulos de grao. Participan nas IX Xornadas da CNDEUF que acolle a EU de Fisioterapia do campus, unha convocatoria anual centrada nesta edición na elaboración dun plan de seguimento do proceso de adaptación a Boloña. Citan a Fisioterapia como pioneira neste senso e destacan a súa situación avanzada con respecto doutras titulacións. Por este motivo decidiron tamén desenvolver as xornadas en Pontevedra, pois a primeira promoción do novo título en toda España é a do campus, que celebra mañá o seu acto de graduación.
O director da escola pontevedresa, Manuel Gutiérrez, sinalou isto como un motivo de festexo. Así mesmo, deulles a benvida aos asistentes, afirmando que “estes dous días de convivencia serán moi frutíferos para todos”. Compartiu esta opinión María Teresa Labajos, presidenta da CNDEUF, “sobre todo polo tema central deste ano, pois facer un seguimento é a próxima tarefa que toca”. Pola súa parte, o reitor da Universidade, Alberto Gago, fixo fincapé na importancia destas reunións, “absolutamente necesarias para facer un diagnóstico acertado e trazar a dirección a seguir”. Sinalou tamén que Fisioterapia xa ten moitos factores conseguidos, “como o prestixio social, unha forte demanda e unha alta empregabilidade”.

Optimismo de cara á acreditación dos títulos

No curso 2008-09 implantaron o Grao de Fisioterapia tres escolas e no 2009-10 a maioría das 38 restantes. “Só quedan casos puntuais e algúns fixeron un proceso progresivo por cursos e outros en bloque”, explica María Teresa Labajos. “Xa temos superado o primeiro curso e precisamente estas xornadas xa van un paso máis adiante coa elaboración dun plan de seguimento da calidade”, valora.
De cara ao reto da acreditación prevista para dentro de seis anos, a presidenta da CNDEUF é optimista e considera que non haberá ningún problema. “Fomos a primeira titulación que fixo o Libro de Grao, a primeira en implantalo e seremos a primeira en facer o seguimento, polo tanto, tamén seremos pioneiros nas acreditacións”, subliña.
Alén do tema central das xornadas, sinala como outra preocupación da CNDEUF o novo sistema de acceso á universidade, que equipara os estudantes prodecentes do Bacharelato aos de Formación Profesional. “Non sabemos se imos poder cumprir as taxas de rendemento que dixemos con este novo perfil do alumnado”, indica. Preocúpalles tamén o novo real decreto que regula os programas de doutoramento, que vai requirir que para acceder a eles se teña o título de grao. “Iso é un obstáculo para os actuais diplomados”, apunta.

Indicadores mínimos para o seguimento

De acordo co tema central deste ano, José Eduardo López Pereira, director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), explicoulles aos asistentes na conferencia de apertura os principais criterios do Plan de Seguimento dos Títulos de Grado que se está elaborando para Galicia. Sinalou que xa existe un borrador bastante avanzado, do que se prevé unha aprobación definitiva no mes de setembro. As principais finalidades deste plan son asegurar a execución efectiva das ensinanzas, promover a dispoñibilidade pública da información, detectar deficiencias, achegar recomendacións e propostas de mellora e identificar boas prácticas. “Nunca foron tan certas as palabras de Machado, pois trátase de facer camiño ao andar”, dixo López Pereira ao respecto. Para facer a valoración o seguimento debe ter en conta uns indicadores mínimos, que inclúen as taxas de rendemento, abandono, eficiencia, graduación e empregabilidade. No conxunto do Sistema Universitario Galego están verificados actualmente 250 títulos, que deben iniciar o seu plan de seguimento.