DUVI

Diario da Universidade de Vigo

A Sala X acolle ata o vindeiro 30 de abril a exposición ‘IN-OUT HOUSE’

44 olladas que reflicten o maltrato na era tecnolóxica

Comisariada por Mau Monleón, a mostra busca a confrontación directa co tema da violencia contra a mu

Etiquetas
  • Pontevedra
  • Cultura
Noemí Rey DUVI 15/03/2013

Novos tempos, novos métodos. Internet revolucionou o xeito de ollar o mundo e abriu portas e fiestras a outros modos de comunicación: as novas tecnoloxías serven de soporte principal á exposición IN-OUT HOUSE. Circuítos de xénero e violencia na era tecnolóxica, unha mostra que busca a confrontación directa co grave problema da violencia contra a muller a través “de obras de arte feminista e activista contemporáneas de España e América Latina”. Vídeo, fotografía ou web son algún dos soportes empregados para unha mostra na Sala X da Facultade de Belas Artes que a miúdo recorre a prácticas artísticas relacionadas coa performance.

Artistas de recoñecido prestixio

Comisariada por Mau Monleón, doutora en Belas Artes, artista e profesora, a exposición recolle a obra de 44 artistas e colectivos, entre as que se atopan prestixiosas personalidades teóricas e prácticas como a estadounidense Suzanne Lacy, que participa como invitada especial, “xa que é unha autora pioneira na loita contra a violencia cara ás mulleres”, como salienta Mar Caldas, coordinadora da Sala X. Especialmente para esta mostra a artista elaborou un ciclo de vídeo onde fai unha recompilación de todo os seus traballos realizados desde finais dos anos 70 ata a actualidade. Tamén é salientable a participación de Marina Núñez, profesora da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, que presenta Monstruas, unha serie de vídeos na que mediante rostros repulsivos ou deformados de mulleres denuncia a situación que vive o xénero feminino, presa dos ditames patriarcais.

Unha reflexión sobre a violencia de xénero que tamén se reflicte en Si ella es México, ¿quién la golpeó?, unha serie fotográfica na que a mexicana Lorena Wolffer establece unha clara metáfora entre o corpo dunha muller despois de recibir unha malleira e o territorio mexicano. Entre as obras máis destacadas, o público tamén poderá ver os vídeos da gualtemalteca Regina José Galindo nos que se recollen dúas performance nas que ela é a protagonista. Nun deles, Himenoplastia, a creadora “realízase unha operación de reconstrución do himen de baixo custe, colocándose na pel de tantas e tantas mulleres do seu país que se ven obrigadas a pasar por esta intervención en condicións de alto risco para satisfacer as esixencias dos homes”. Este acto transgresor valeulle á artista o León de Ouro na Bienal de Venecia 2005.

Os feminicidios cometidos en cada un dos países de América Latina e en España centran a obra Las cifras de la barbarie, coa que Graciela Atencio e Francisco Gatico recollen en 21 carteis impresos os números que debuxan o mapa da violencia contra as mulleres. Cada unha desas cifras vai acompañada cunha foto da flor oficial de cada país, de xeito que “non se mostra a violencia a través de imaxes explícitas e evítase revitimizar ás mulleres que sofren a violencia de xénero”.

Unha publicación teórica

A mostra está coorganizada entre a Vicerreitoría do campus de Pontevedra da Universidade de Vigo, a Área de Xestión Cultural da Universidad Politécnica de Valencia (UPV) e a Plataforma de Arte Contra la Violencia de Género (ACGV). Ademais, conta coa coordinación do Laboratorio de Creaciones Intermedia, o patrocinio do Ministerio de Economía e a UPV e a colaboración do grupo de investigación arxentino Continente para a elaboración dunha publicación de textos teóricos escritos ex profeso por Mau Monleón, Rocío de la Villa, Juan Vicente Aliaga, Emilia Quiñones, Irene Ballester, Ana Navarrete e Carmen Navarrete.

O público poderá visitar esta exposición heteroxénea e multidisciplinar da Sala X ata o vindeiro 30 de abril (de luns a venres laborables de 12 a 14 e de 19 a 21 horas).