DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unha tese analiza o impacto de producións audiovisuais de éxito na difusión de destinos

O 44% dos turistas visitaron lugares que coñeceron en series de TV

Os escenarios de gravación de Doctor Mateo, Gran Reserva e Águila Roja son os máis recoñecidos polo

Etiquetas
  • Ourense
  • Investigación
Rosa Tedín DUVI 05/07/2013

As series de ficción son un dos produtos televisivos con maior éxito de público. Os seus seguidores devoran cada detalle da trama, dos personaxes e incluso dos lugares e escenarios reais onde se grava a historia. Por esta capacidade de impacto cuantitativo e cualitativo na audiencia, estes produtos están baixo o punto de mira do sector turístico, que ve neles unha posible ferramenta de difusión e de posicionamento de determinados destinos. Noelia Araújo, investigadora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense, estudou esta relación entre o mundo audiovisual e o económico a partir das series españolas de éxito como Doctor Mateo, Gran Reserva e Águila Roja. O resultado apunta a que o 44% dos turistas visitaron algunha vez, ao longo da súa vida, un destino tras velo nunha serie de televisión.

Os resultados desta investigación, que se prolongou durante tres anos, recóllense na tese de doutoramento que Noelia Araújo presentou este ano no campus de Ourense baixo a dirección de José Antonio Fraiz e co título As series de ficción como compoñente estratéxica da industria do lecer e entretemento: unha oportunidade para a difusión e o posicionamento dos destinos turísticos a través do emprazamento no produto audiovisual. “O estudo comezou cunha primeira parte de entrevistas en profundidade a expertos dos sectores turístico e audiovisual e a investigadores vinculados con estas dúas áreas. Posteriormente realizamos máis de 480 cuestionarios a turistas nos destinos de gravación de tres series exitosas e representativas do panorama estatal, como son Doctor Mateo, Gran Reserva e Águila Roja”, destaca a investigadora.

Nova York, Asturias, Miami, A Rioxa, Madrid, Santander e Andalucía

Segundo os resultados obtidos, o 44% dos enquisados visitaron algunha vez ao longo da súa vida un destino tras velo nunha serie audiovisual. O 23% deste 44% fíxoo motivado pola propia serie, o que supón o 10% do total da mostra. Ademais, o 34% dos enquisados afirmou coñecer algunha ruta turística vinculada a series audiovisuais, sendo tres as máis coñecidas, dúas estatais e unha estadounidense, como son a ruta de Doctor Mateo (Lastres, Asturias); a de Gran Reserva (Briones, A Rioxa) e a da serie Sexo en Nova York. Da mostra consultada, o 50% afirmou ter visto algún capítulo de Doctor Mateo; o 31% de Gran Reserva e o 28% de Águila Roja. Por último, Doctor Mateo resultou ser a serie con maior repercusión, coñecendo o 48% dos enquisados que se gravaba en Asturias. Séguelle Gran Reserva, situada na Rioxa polo 27% das persoas consultadas, e finalmente Águila Roja, cun 12% da mostra que a sitúa en Madrid e Toledo. Os destinos turísticos mellor situados para os espectadores españois a través de series foron Nova York, Asturias, Miami, A Rioxa, Madrid, Santander e Andalucía.

Como exemplos desta sinerxías, e tomando datos de xestores turísticos, a investigación sinala que en Asturias produciuse un notable aumento de turistas nas zonas de gravación de Doctor Mateo e que as visitas ao Palacio da Magdalena duplicáronse despois do inicio da emisión da serie Gran Hotel. “Como vemos, incluír un destino turístico nunha serie audiovisual é unha eficaz ferramenta promocional, xa que proporciona visibilidade a longo prazo, créase empatía co espectador, pódese chegar a ter grandes audiencias e mesmo se o destino ten un importante peso na trama, o lugar pode chegar a equipararse a un personaxe máis e o impacto pode ser maior. Os expertos sinalan que a efectividade promocional é maior nunha serie que nun anuncio publicitario”, explica Araújo.

Ferramenta de futuro

Segundo subliña a investigadora, aos propios destinos turísticos preséntaselles a oportunidade de promocionarse a través das serie, que contan cun alto número de espectadores e por tanto potenciais turistas, e realizar innovadores produtos turisticos en base ás series. Pola súa banda, engade, ás producións audiovisuais preséntaselles a oportunidade de incrementar o seu valor, engadindo rodaxes en zonas que resultan atractivas para o espectador, que achegan maior realismo ás series e que poden aumentar o orzamento de rodaxe grazas a outro tipo de retribucións.

Na enquisa realizada, destaca a xa doutora, o 48,1% de espectadores enquisados afirmou seguir dúas ou máis series estatais á semana. Con esta cifra de referencia e pensando en oportunidades de futuro, recalca, “a pesar de que os expertos e os datos evidencian que as series son unha moi boa oportunidade de promoción para sectores afíns como o turismo, aínda son poucos os produtos deste sector que, dun modo consciente, son empregados como vía ou medio de promoción dun destino turístico, sendo por agora as rutas turísticas o produto máis actual que podemos denominar de carácter turistico-audiovisual”.