DUVI

Diario da Universidade de Vigo

Unhas xornadas internacionais afondarán na violencia de xénero e os adolescentes

O 44,8% das rapazas aseguran ter sufrido abusos sexuais na parella

A cita será do 15 ao 18 de abril na Facultade de Ciencias da Educación do campus

Etiquetas
  • Ourense
  • Académica
Rosa Tedín DUVI 08/04/2013

A violencia nas parellas estables é un fenómeno moi abordado desde os diferentes eidos. Sen embargo, apuntan os expertos, tamén existen outras formas de violencias de xénero, como é a exercida no marco das relación non estables, coñecida como dating violence, e a agresión entre iguais no que o sesgo de xénero é importante, como é o caso do acoso escolar. Para afondar nestes temas, especialmente no caso dos adolescentes, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acollerá do 15 ao 18 de abril as Xornadas Internacionais Amor, Medo e Poder. Espazos Vitais sen Violencia.

As docentes do centro Yolanda Rodríguez e Mª Victoria Carrera son as encargadas de organizar esta cita, que conta co patrocinio da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. “Os últimos estudos feitos están poñendo en evidencia un alto índice de violencia nas parellas adolescentes, violencia física leve e moita violencia verbal. Os adolescentes teñen asumida a violencia dentro da parella como algo normal, sobre todo no caso dos insultos. Estas situacións prodúcense nun espazo de invisibilidade para os demais, na intimidade, pero si existen”, explica Yolanda Rodríguez. Segundo os datos dun estudo que están realizando estas dúas investigadoras e o docente José María Faílde e no que fixeron unha enquisa a 800 estudantes preuniversitarios de toda Galicia, o 44,8% das rapazas aseguran ter sufrido nalgunha ocasión abusos sexuais na parella, cifra que descende ao 3% no caso dos rapaces. No que respecta ao abuso verbal, o 93% dos homes aseguran telo padecido por parte das súas mozas, cifra que descende ao 92% no caso das mulleres. Ademais o 24% das adolescentes aseguran ter vivido ameazas, fronte ao 20% dos adolescentes.

Segundo apunta Yolanda Rodríguez, “o máis significativo que nos estamos atopando neste estudo é que tanto elas como eles asumen un dobre rol de vítimas e agresores. Elas tenden a subestimar a súa vitimización, buscándolle xustificación ao comportamento deles, e eles tenden a sobreestimala, a considerala máis relevante porque se sae das normas dos roles tradicionais. Como agresores, elas tenden a empregar máis o insulto, a ofensa e a agresión leve, como un empuxón ou arañazo, eles usan máis a difusión de rumores falsos, o falar mal da parella ou a agresión sexual”, apunta a investigadora. Este saírse do prototipo asociado ao xénero, engade Mª Victoria Carrera, fai que os adolescentes tamén se convertan en branco da violencia entre iguais e non só na parella, coma no caso do acoso escolar, onde, advirte, “tamén hai que abordalo desde a perspectiva de xénero".

Conferencias e obradoiros

“Para afondar nos diferentes vértices da violencia, as xornadas reunirán a persoas que desde a Universidade de Vigo estamos traballando neste eido pero tamén a unha destacada representación lusa, concretamente das universidades de Porto e Minho”, explica Mª Victoria Carrera. Alén da participación das organizadoras, as xornadas contarán coas intervencións dos docentes da Universidade de Vigo José María Faílde, Inés C. Iglesias Canle, Rosa Ricoy e María Lameiras. Da Universidade de Porto estarán María José Magalhanes de Sousa e José Manuel Peixoto e da Universidade do Minho Ana María Tomás de Almeida. Completarán o programa un grupo de alumnos e egresados da Universidade de Vigo, que exporán diferentes experiencias neste eido. Neste programa, ademais das conferencias, destaca a celebración de varios obradoiros que teñen por obxectivo axudar aos asistentes a desenvolver as súas habilidades prácticas nesta materia. Deste xeito, celebraranse talleres sobre a actuación profesional coas vitimas de violencia de xénero; sobre a prevención de bullying e ciberbullying e sobre como deseñar un programa coeducativo no eido da violencia de xénero. O obxectivo final, destacan as organizadoras, é formar ao alumnado do campus para que “poida ser capaz de axudar á prevención da violencia no espazo relacional e poidan os estudantes ser axentes do bo trato nas relacións afectivas”.